publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Educación inviste 222.000 euros nas obras de reforma e ampliación do CEIP Laverde Ruíz, en Outeiro de Rei

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOuteiro de Rei
A-
A+
Xesús Vázquez na visita ao Ceip Laverde Ruíz

Xesús Vázquez na visita ao Ceip Laverde Ruíz

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe o CEIP Laverde Ruíz (en Outeiro de Rei), no que se están acometendo obras de ampliación e reforma que suporán un investimento total de preto 222.000 euros, que se dividirá en 3 fases.

Neste sentido o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia quixo salientar a importancia deste esforzo económico, que se suma ás obras realizadas no centro en anos anteriores, de reforma de aseos e para dotalo dun local de limpeza. O CEIP conta ademais con 2 aulas dixitais e recibe achegas anuais para o equipamento e fondos da súa biblioteca escolar. “Tendo en conta a contía total que suporán as 3 fases da reforma e ampliación – sinalou o conselleiro- estamos a falar dunha actuación que eleva o investimento da Xunta de Galicia neste centro de Outeiro de Rei a máis de 260.000 euros desde 2009”.

Na súa visita, o conselleiro estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, polo alcalde de Outeiro de Rei, José Pardo, e pola directora do CEIP, Ana María Doval, entre outros membros da comunidade educativa e autoridades.

Un proxecto en tres fases

As obras de ampliación deste CEIP estrutúranse en tres fases, a primeira das cales xa está a punto de concluír. As actuacións afectan ás plantas baixas do edificio principal e ao edificio anexo, co fin de dotar ao centro dunhas instalacións axeitadas e necesarias debido ao incremento do alumnado. A ampliación, unha vez completada suporá a creación de 583,74 metros cadrados de superficie totalmente novos.

“Nesta primeira fase – explicou o conselleiro- no edificio anexo estase ultimando a construción dunha das dúas aulas de infantil proxectadas, con aseo propio, e faise tanto un novo acceso para o alumnado transportado ao porche de entrada ao edificio como unha porta de emerxencia no comedor do centro”. Ademais, esta zona contará cun patio cuberto para o alumnado de infantil adosado ao edificio, cunha superficie de preto de 154 metros cadrados. Tamén nesta primeira fase vaise poñer un proxectado de monocapa nunha das fachadas do centro. Segundo salientou Xesús Vázquez Abad, as obras están practicamente rematadas, polo que o centro estará acondicionado para o comezo do curso, o vindeiro día 10 de setembro. A maiores, o Concello de Outeiro de Rei vai colaborar na construción dunha beirarrúa lateral para os alumnos transportados, unha mellora que non estaba incluída no proxecto inicial.

Nunha posterior segunda fase, no mesmo edificio anexo, está previsto crear unha segunda aula de infantil co seu corresponde aseo, aproveitando un local que nestes momentos está sendo usado como almacén por parte do Concello. As obras completaranse coa creación dunha aula de apoio e coa ampliación do vestíbulo para acceder ás tres novas aulas creadas.

Xa na última fase, a Consellería de Cultura e Educación ten previsto acometer a ampliación do local do comedor e reubicar a actual zona administrativa do edificio principal aproveitando parte do porche do edificio. Con isto conseguirase mellorar o servizo administrativo dotándoo de tres despachos independentes para dirección, xefe de estudios e secretaría, que na actualidade dispoñen dun único local. Ademais modificarase a actual sala de profesores reubicarase o local destinado a conserxería. Así mesmo reestruturarase a zona de entrada ao edificio, que actualmente dispón dun espazo de cortaventos moi reducido.

1 de setembro de 2014 | 13:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.