publicidade hoxe

Cursos gratuítos, visitas á lonxa e degustacións en mercados entre a oferta gastronómica do Festival Marea Alta

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCalendarioLocal Portada
A-
A+
Luís Veira e Luisa Cid

Luís Veira e Luisa Cid

A tenente de alcalde de Emprego e Empresa e presidente do Consorcio de Turismo, Luisa Cid, presentou esta mañá, acompañada do cociñeiro Luís Veira e a directora de Crearte, Merce Carballo, a oferta gastronómica do Festival Marea Alta, o evento que entre o 16 e 21 de setembro renderá tributo ao mar con actividades lúdicas, culturais, científicas, artísticas e gastronómicas en diferentes espazos da cidade e que patrocina o Concello.

A vertente culinaria do festival centrarase en destacar a calidade dos produtos do mara través de actividades gratuítas nas que poden participar todos os cidadáns. Luisa Cid explicou que os días 19 e 20 de setembro, e baixo o lema O cru e o cocido, celebraranse talleres gastronómicos coa lonxa e as prazas de Lugo e San Agustín como principais escenarios.

Un dos talleres estará dirixido por Luís Veira, do restaurante Árbore da Veira, e outro por Iván Domínguez, do grupo Alborada, ambos os posuidores dunha estrela Michelín.

“O obxectivo da actividade é levar da man aos alumnos durante todo o proceso, desde que o peixe chega á lonxa ata que se pon na mesa”, subliñou a concelleira.

PROGRAMACIÓN

A actividade, na que poderán participar un total de 30 persoas, desenvolverase da seguinte forma:

– Venres, 19 de setembro: Showcooking na praza de Lugo a cargo de Luís Veira, previa visita á lonxa e tras realizar un percorrido polo mercado para aprender a distinguir e seleccionar o mellor pescado de tempada. A actividade celebrarase de 06.30 a 11.30 horas. Hai 15 prazas.

– Sábado, 20 de setembro: Taller gastronómico no restaurante Alborada dirixido por Iván Domínguez. Elaborarase un prato de tempada despois de asistir á poxa na lonxa e comprar o produto no mercado de San Agustín. De 06.30 a 11.30 horas. Hai 15 prazas.

As persoas interesadas en participar en calquera dos dous talleres deben apuntarse na web www.festivalmareaalta.org. O prazo comeza hoxe e as prazas, todas gratuítas, concederanse por rigorosa orde de inscrición.

A concelleira de Turismo lembrou que o Festival Marea Alta é unha magnífica plataforma para promocionar, unha vez máis, a gastronomía da cidade e a calidade dos seus produtos. Deste xeito, a tamén responsable dos mercados municipais subliñou a importancia de potenciar a compra nas prazas tradicionais, de incentivar o consumo responsable e de difundir as bondades dos produtos de tempada. “Temos unha materia prima excepcional, os mellores peixes e mariscos, e a isto únese a creatividade e a calidade dos nosos cociñeiros, tamén excepcionais”, dixo.

Coas súas exposicións, os seus encontros con artistas, debates científicos e proxeccións sobre o medio mariño, o Festival Marea Alta converterá durante seis días A Coruña na capital da defensa, conservación e promoción do mundo mariño. Neste sentido, a responsable de Turismo fixo fincapé na aposta firme do Concello en difundir e reforzar a imaxe da Coruña como cidade atlántica e saudable: “No último ano incrementamos a nosa presenza nos grandes foros e eventos gastronómicos, onde sabemos que hai que estar para situar á cidade no lugar que se merece”.

Luisa Cid lembrou que a estratexia do Consorcio de Turismo pasa por reforzar a imaxe da Coruña como un destino gastronómico punteiro con accións como a inclusión da cidade na plataforma Saborea España, a celebración do Fórum Gastronómico -cuxa segunda edición se celebrará en marzo de 2015- ou con certames como o Concurso de Tapas Picado, de gran prestixio e moi consolidado na cidade.

10 de setembro de 2014 | 14:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.