publicidade hoxe

Cultura investirá máis de 41.000 euros na restauración dos retablos de San Sebastián e das Ánimas na igrexa de Santa María de Astariz

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCastrelo de MiñoLocal PortadaOurense
A-
A+

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, anunciou esta mañá un investimento de máis de 41.000 euros para a restauración dos retablos de San Sebastián e das Ánimas na igrexa de Santa María de Astariz, no concello ourensán de Castrelo de Miño. Desta forma o departamento de Cultura da Xunta de Galicia cumpre co compromiso adquirido con esta parroquia nunha visita hai uns meses, cando Xesús Vázquez acordou estudar a posibilidade de actuar sobre estas pezas.

Durante a visita de hoxe, na que estivo acompañado pola directora xeral do Patrimonio Cultural, María Carmen Martínez Insua, o conselleiro explicou que o obxectivo é licitar os traballos de restauración destas pezas neste mesmo ano, “de feito –sinalou- xa está rematado o prego de prescricións técnicas para licitar o contrato”. “O obxectivo é que os retablos poidan recuperar canto antes o seu esplendor, tras uns traballos que terán unha duración aproximada de 5 meses”.

As tarefas consistirán na elaboración de mapas de estado de conservación e en controis de temperatura e humidade, para posteriormente limpar as superficies das pezas e á súa desmontaxe, e así desenvolver peza por peza o tratamento de desinsectación e a reintegración cromática. Finalmente montarase de novo o retablo, revisando as ancoraxes e mellorando o seu illamento, así como aplicando un vernizado de protección final.

Datados no século XVIII e realizados polo valisoletano Antonio Salvador Carmona, os retablos barrocos narran por unha banda o Xuízo Final e o pola outra a vida e martirio de San Sebastián, sendo especialmente destacable o detallado do traballo desta peza, moi respectada ademais pola devoción da freguesía.

16 de setembro de 2014 | 11:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.