publicidade hoxe

Cores Tourís visitou a adega Lagar de Fornelos para comprobar o inicio da vendima

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO RosalPontevedra
A-
A+
Cores Tourís na visita á adega Lagar de Fornelos

Cores Tourís na visita á adega Lagar de Fornelos

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá a adega Lagar de Fornelos de O Rosal en compaña do alcalde da localidade, Jesús María Fernández, e do xefe territorial de Medio rural e Mar, Miguel Dubois, co obxectivo de comprobar o arranque da vendima na comarca do Baixo Miño dentro da Denominación de Orixe Rías Baixas.

“O obxectivo desta visita”, engadiu o delegado territorial, “é estar en contacto cos viticultores e bodegueiros para coñecer o seu sentir nesta vendima na que, se estima, vanse recoller 22 millóns de quilos de uva en toda a denominación de orixe”.

De feito, José Manuel cores tourís incidiu no apoio ás adegas, cooperativas e viticultores por parte da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Rural e do Mar. Deste xeito, destináronse máis de 15,5 millóns de euros nos últimos anos a melloras de industrialización, comercialización e exportación, “así como preto de 6 millóns de euros para case 1.000 viticultores da D.O. Rías Baixas que investiron nos seus viñedos”.

“No caso concreto das adegas de O Rosal, hai que destacar os máis de 2,1 millóns de euros destinados dende a administración autonómica a comercialización exterior e industrialización nos últimos anos”, explicou o delegado territorial.

Lagar de Fornelos naceu trala compra en 1988 da empresa La Rioja Alta, S.A., da adega Fernández Cervera Hermanos S.L., propiedade dunha familia relacionada coa construción naval. O obxectivo dos novos donos era buscar un lugar no que afincarse en Galicia para probar novos camiños enolóxicos. A adega ten capacidade para produción 600.000 litros de viño, “que son os que agardan recoller ao longo dos próximos días”, engadiu José Manuel cores Tourís.

A sociedade ten por obxecto cultivo da vide, a elaboración e embotellado de viños e a elaboración e embotellado de augardentes, para o cal dispoñen de 75 hectáreas de viñedo, 60 no Rosal e 15 no Salnés, ademais dunha adega de elaboración de viño e dunha pequena destilería.

A maiores, tamén fabrica augardentes, para o cal dispoñen dunha pequena destilería con 8 alambiques, 20.000 litros de almacenamento en aceiro inoxidable e 90 barricas de carballo de 225 litros cada unha. “No ano 2011”, asegurou o xerente da firma, “producimos case 14.000 litros de augardente sendo parte dela destinada a licores e ao seu envellecemento en barrica”.

O delegado territorial aproveitou a visita a esta empresa para recordar a importancia do sector vitivinícola, non só para a provincia de Pontevedra senón tamén en toda Galicia. “O futuro da nosa comunidade autónoma”, afirmou, “pasa por apostar polos sectores con maior puxanza económica como, neste caso, é o vitivinícola”. Neste senso, recordou que pese á crise, este sector “está a manter o seu volume de venta grazas a compensación nos mercados de exportación que creceron en 2012 nun 18% en comparación co periodo anterior e representando xa o 28,7% do total do viño Rías Baixas comercializado”.

De feito, neste senso, Lagar de Fornelos destina o 50% da súa produción a mercados estranxeiros como Reino Unido, México, Alemaña, Suíza, Estados Unidos, Xapón e Venezuela. O resto da súa produción véndese o 25% en Galicia e o outro 25% no resto do Estado.

“Esta adega é un bo exemplo de que a tendencia nos mercados de exportación tamén se plasma no incremento dos destinos, así como no número de adegas que afrontan a difícil tarefa de saír aos mercados a vender”, engadiu Cores Tourís, quen recordou que os caldos da denominación de orixe Rías Baixas chegan a mercados como o estadounidense, “que supón a metade das exportacións”, o inglés, o alemán ou o holandés, ademais de a países como Porto Rico, Suíza, Noruega, México, Xapón ou China.

24 de setembro de 2014 | 17:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.