publicidade hoxe

Cores Tourís comproba as obras de mellora viaria na PO-254 ao seu paso por Mondariz Balneario

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMondariz-BalnearioPontevedra
A-
A+
Cores Tourís na visita a Mondariz Balneario

Cores Tourís na visita a Mondariz Balneario

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, comprobou hoxe, en compaña do alcalde da localidade, José Antonio Lorenzo, as obras de mellora da seguridade viaria executadas nas últimas semanas na PO-254 ao seu paso polo concello de Mondariz-Balneario.

En concreto, esta obra inclúese nun proxecto que permitiu mellorar varias estradas da zona sur da provincia de Pontevedra e que obtivo un orzamento preto dos 500.000 euros. Estes traballos permitiron executar a reforma dos firmes das estradas PO-244 entre Arcade e Soutomaior, a PO-254 entre Ponteareas e Mondariz, a PO-400 entre Salvaterra e Filgueira e a PO-404 entre Guillarei e A Rañada. “Esto supuxo a mellora dun total de 9,2 quilómetros de estradas, beneficiándose unha poboación global de máis de 77.000 veciños”, asegurou Cores Tourís.

No caso da estrada que hoxe visitou o delegado territorial, os traballos supuxeron a reparación do firme existente, a través do fresado e reposición da capa de rodadura de treitos localizados. Tamén a extensión de microaglomerados para o selado de gretas ou coa finalidade de mellorar as características superficiais do firme, nos treitos nos que resulte necesario.

“Estas actuacións”, segundo apuntou Cores Tourís, “complementáronse coa reposición de marcas viarias e de elementos de balizamento. Tamén levouse a cabo a limpeza e reperfilado das cunetas existentes”. No caso desta estrada que atravesa o concello de Mondariz-Balneario, aplicouse 1.500 toneladas de bituminosa en quente, fresándose un total de 15.000 metros cadrados.

Tres millóns de euros en traballos de mellora do firme

O delegado territorial aproveitou a visita para destacar os máis de 3 millóns de euros investidos este ano na mellora de 14 estradas en concellos dependentes da Delegación Territorial de Pontevedra.

En este sentido, Cores Tourís destacou que, ademais dos traballos executados sobre a PO-254, tamén se levaron a cabo melloras do firme e fresado na PO-224 entre Ponte Bora e San Antoniño, na PO-534 entre Lalín e Folgoso, e a PO-960 entre Vila de Cruces e o límite da provincia de Pontevedra. “A esta reforma destináronse 500.000 euros para obras de reposición e fresado, bituminosa en quente, microaglomerados en frío e sinalización horizontal”, explicou o delegado territorial, quen engadiu que “estes traballos atópanse practicamente rematados”.

José Manuel Cores Tourís tamén destacou os 600.000 euros destinados á mellora das estradas PO-305 entre Saiar e Vilagarcía e a PO-331 entre Pontevedra e Vilagarcía, onde se executou o fresado e reposición das zonas de pavimento deterioradas. Nestes traballos levouse a cabo, ademais, a aplicación da coñecida como “pel de crocodilo” e “malla grosa” e procedeuse tamén á reposición da sinalización horizontal en todo o tramo.

Finalmente, tamén destacou a execución de obras de mellora da seguridade viaria en outras 4 estradas da provincia onde se investiron 517.000 euros, en concreto para as vías PO-300 entre Mosteiro e Cambados, da Po-303 entre Samieira e Castrelo, da PO-313 entre Marín e Moaña e da PO-548 entre Pontecesures e Vilagarcía.

A maiores, o delegado tamén recordou que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas mellorou o trazado e o firme da estrada que enlaza Cachafeiro con Vilapouca en Forcarei (PO-536) e que supuxo un investimento de 850.000 euros.

José Manuel Cores Tourís destacou a importancia destas obra de mellora da seguridade viaria, “xa que estamos a falar dunhas estradas que soporta un importante número de vehículos ao día e que necesitaban mellorar a calidade da súa calzada”.

12 de setembro de 2014 | 13:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.