publicidade hoxe

Concello de Moaña e a Xunta colaboran para completar a senda peonil entre O Con e a Illa de Samertolameu

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMoaña
A-
A+

A Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Portos de Galicia, dependente da Consellería de Medio Rural e do Mar, e o Concello e Moaña asinaron un convenio decolaboración que permitirá completar o paseo marítimo de Moaña, dende O Con ata a Illa de Samertolameu. O convenio asinado hoxe, cun importe de máis de 450.000 euros, permitirá rematar o treito de Seara, polo que o paseo peonil terá unha lonxitude de tres quilómetros.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, destacou a mellor das disposicións das administracións para que unha demanda, unha necesidade que teñen os veciños, poida ser atendida e mellorar así a calidade de vida dos cidadáns. Sobre todo tendo en conta que é unha infraestrutura moi esperada, que permite retirar os tráficos tanto peonís como ciclistas da estrada PO-551, que se atopa saturada. “Será un exemplo de convivencia en harmonía entre vehículos e peóns”, sinalou a conselleira.

Moaña, exemplo de mobilidade sustentable

A conselleira de Medio Ambiente destacou que o Concello de Moaña será un exemplo de mobilidade sustentable para o resto de municipios de Galicia, xa que – ademais da actuación asinada hoxe- os aparcadoiros disuasorios de Domaio e Broullón, tamén contribuirán nesta liña de mobilidade sustentable. Lembrou que as obras destas instalacións xa foron adxudicadas e comezarán no mes de outubro. O investimento deste proxecto ascende a 400.000 euros.

Tal e como afirmou Ethel Vázquez, “si se fala de mobilidade sustentable hai que facer referencia ao plan de transporte metropolitano”. Esta iniciativa xa está en marcha noutros puntos de Galicia e Xunta quere trasladalo á comarca de Vigo, para que os cidadáns do Morrazo tamén se poderán beneficiar de tarifas bonificadas e transbordos gratuítos e de melloras infraestruturas.

Recordou que para a posta en marcha é imprescindible a colaboración entre as administracións que fará posible que os veciños de Moaña, Cangas, Redondela, Mos, O Porriño, Salceda de Caselas, Gondomar, Baiona, Nigrán e Vigo, é dicir, preto de medio millón de habitantes, participen tamén do Plan de Transporte Metropolitano de Vigo.

Aclarou que na actualidade, a Xunta está a ultimar o borrador do convenio para poder asinalo cos distintos concellos e poñelo en marcha para beneficio de todos os veciños da área metropolitana.

Accións que se van realizar

As previsións da Axencia Galega de Infraestruturas, entidade que ten a responsabilidade de executar as obras, é iniciar os traballos na próxima primavera e que o resultado represente unha boa mostra de como este tipo de infraestruturas se deben integrar na paisaxe, unha premisa “de obrigado cumprimento nos proxectos do Goberno galego”, aclarou a conselleira. Como mostra, explicou que este paseo marítimo, que contará cunha pasarela de madeira de preto de 30 metros sobre a lámina de auga.

Pola súa banda, a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, destacou que e a unión entre a vontade dos cidadáns, da Xunta de Galicia e do Concello a que fai posible esta actuación, de gran interese para Moaña. Nese sentido, sinalou que a continuación do paseo supón “unir os portos á cidadanía, mellorar as condicións de acceso ao lugar de traballo das mariscadoras e ofrecer a todos unha mellor vista do litoral de Moaña”

O treito no que se vai a actuar en Moaña é de 310 metros e discorre entre o aparcamento próximo á Casa do Mar, ao que bordeará, e o actual paseo marítimo, co que entroncará á altura do edificio de Salitre antes do cruzamento co río da Fraga. O actual paseo marítimo, de máis de tres quilómetros, entre O Con e a illa de San Bartolomeu, atópase interrompido nun pequeno tramo na zona da Seara, no que as edificacións e peches existentes dificultan o acceso ao bordo litoral, que presenta un importante estado de abandono. A zona de actuación é un área moi urbanizada e con gran afluencia de visitantes, na que conviven a actividade pesqueira e os usos lúdicos.

A solución que se vai adoptar atópase condicionada polo carácter urbano do treito, así coma polas edificacións existentes, como muros, ramplas e escaleiras de acceso ao litoral para peóns e embarcacións. Así, a actuación basearase na construción dun paseo para uso peonil e ciclista, con zonas diferenciadas, conformada por lastra de granito na zona reservada á circulación peonil e acabamento en formigón no carril-bici.

Non obstante, nalgún subtreito resulta necesario proxectar unha estrutura de madeira que voará sobre a lámina de auga, para evitar afeccións as vivendas situadas a moi reducida distancia do bordo litoral. Ademais, será necesario modificar muros e ramplas para adaptalas á cota do novo paseo. A actuación complementarase coa adecuación do espazo público mediante sementado de céspede e plantación de árbores, dotación de mobiliario urbano e iluminación.

Pola súa banda, o Concello de Moaña elaborará e aprobará o documento técnico necesario para a definición das obras, porá a disposición da AXI os terreos necesarios libre de cargas e gravames e asumirá, unha vez realizadas as obras, a explotación, mantemento e conservación das obras acometidas e dos seus servizos.

16 de setembro de 2014 | 13:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.