publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Comezan as obras de mellora do firme da estrada Ponteareas-Mondariz ao seu paso por Mondariz-Balneario

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMondariz-BalnearioPontevedra
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas vén de iniciar as obras de mellora e rehabilitación de firme na estrada PO-254, Ponteareas-Mondariz, ao seu paso polo Concello de Mondariz-Balneario. Trátase dunha actuación que se engloba nun contrato polo que se mellorarán outros tres vías da provincia de Pontevedra: Ponte Caldelas-Soutomaior (PO-244), Salvaterra-Filgueira (PO-400) e Guillarei-Salvaterra (PO-404). Estes traballos proseguirán por estas vías.

As obras consistirán ben na reparación do firme existente, a través do fresado e reposición da capa de rodadura de treitos localizados, ou ben na extensión de microaglomerados para o selado de grietas ou coa finalidade de mellorar as características superficiais do firme, nos treitos nos que resulte necesario. Estas actuacións complementaranse coa reposición de marcas viarias e de elementos de balizamento. Tamén, de ser necesario, levarase a cabo a limpeza e reperfilado das cunetas existentes. Os traballos rematarán coa reposición das marcas viarias e da sinalización vertical.

Conservación e seguridade viaria

Unhas das prioridades da Consellería de Medio Ambiente é a conservación das estradas das que é titular. Nese sentido, a Consellería ten previsto mobilizar arredor de 306 millóns de euros en obras e contratos de servizo. A maior parte deste investimento diríxese a contratos de obra para actuacións de conservación e seguridade viaria, ás que se destinará preto de 190 millóns de euros, un 62% do total dos contratos de obra que se realizarán en 2014.

Estas actuacións inclúen obras de reforzo de firme extraordinarias, así como a conservación de noiros que a Xunta puxo en marcha ao longo deste ano.

10 de setembro de 2014 | 12:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.