publicidade hoxe

Benestar Social de Ortigueira abre o prazo de inscrición nos talleres sociocomunitarios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOrtigueira
A-
A+

A Concellaría de Benestar Social de Ortigueira comeza a perfilar a programación de actividades sociocomunitarias para este curso. A previsión é que a oferta se active na segunda quincena de outubro ofertando naqueles centros sociais onde haxa demanda suficiente propostas de envellecemento activo, cursos de introdución ás novas tecnoloxías e talleres lúdicos para o público en xeral.

O departamento municipal inicia a planificación das súas actividades para a tempada 2014- 2015. Un dos alicerces da oferta basearase, como vén sendo habitual, en iniciativas orientadas especificamente aos veciños de máis idade. Neste capítulo, hai que apuntar a continuación tanto dos talleres de estimulación cognitiva (memoria), a cargo do equipo de psicólogas dos Servizos Sociais, como das clases de ximnasia de mantemento e pilates.

Tamén se prevé manter os talleres de iniciación á informática e internet para adultos, unha proposta destinada a reducir a fenda dixital existente especialmente no rural, e que tiveron unha excelente acollida nos últimos anos. Ademais, desde Benestar Social preténdese seguir ampliando o seu contido abríndoo ao conxunto das novas tecnoloxías, por exemplo, ensinando aos usuarios a utilizar os libros electrónicos adquiridos dentro do Banco itinerante de recursos sociais.

Explican desde a concellaría que a intención do goberno local é facer chegar estas propostas gratuítas, orientadas ao público adulto, a todos e cada un dos centros cívicos das parroquias onde se constate que existe demanda suficiente (mínimo de10 persoas para iniciar e manter a actividade). Trataríase con iso de consolidar o papel destes equipamentos como elementos de integración e de dinamización do rural.

As persoas que desexen máis información sobre os cursos deben dirixirse ao Centro Social de Ortigueira (teléfono 981 40 25 42), sabendo que o prazo para anotarse prolongarase até o 7 de outubro.

Cabe lembrar que o programa de actividades comunitarias, do que se beneficiaron durante o pasado curso uns 400 veciños de todo o municipio, ten como obxectivo favorecer a participación social dos orteganos, ofrecendo alternativas de lecer para o seu tempo libre.

12 de setembro de 2014 | 18:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.