publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Asínase o protocolo ‘Life Rexenera Limia’ para reducir a contaminación nas masas de auga da comarca

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaOurensePortada esquerdaXinzo de Limia
A-
A+
Sinatura do protocolo

Sinatura do protocolo

A directora xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado; o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar; e o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Francisco Marín; asinaron hoxe o protocolo ‘Life Rexenera Limia’, cuxo obxecto é implantar un conxunto de técnicas demostrativas para reducir a contaminación agrogandeira nas masas de auga da comarca da Limia.

Este proxecto Life, cun orzamento superior aos 2 millóns de euros, xa comezou os seus traballos en xullo para demostrar que é posible unha mellor xestión ambiental dos terreos agrarios, tanto no que se refire á xestión dos fertilizantes como ás augas residuais procedentes de xurros de porcino, que poden ser tratadas con tecnoloxías brandas para o medio ambiente.

Tellado explicou que “esta iniciativa aplicará técnicas non agresivas co medio para reducir a presenza de nutrientes, fundamentalmente de orixe agrogandeira, nas masas de auga da comarca da Limia, contribuído así a cumprir cos obxectivos medio ambientais da directiva da auga”.

A participación da Xunta de Galicia levarase a cabo a través de dúas accións concretas nas que a Dirección Xeral da Conservación da Natureza xa está a traballar: a mellora da calidade da auga e recuperación da superficie húmida e o leito orixinal na zona da ZEC Veiga de Ponteliñares; e o proxecto piloto na Canle da Lagoa de Antela para a restauración de charcas areeiras de antigas explotacións mineiras e a súa integración no ciclo hidrolóxico da canle.

Verónica Tellado destacou que “esta colaboración está a ser clave na Limia para levar a cabo proxectos cunha incidencia moi importante na mellora do medio, e concretamente das augas”. Concretou que “un exemplo desta mellora é o proxecto de optimización da capacidade de nutrientes da depuradora de Xinzo de Limia, unha actuación conxunta coa Confederación Hidrográfica e o Concello, asinada hai un mes, e que mellorará a eficacia da infraestrutura para cumprir os parámetros de calidade das augas depuradas”. Outros exemplos a destacar son actuacións como as melloras no saneamento do Pobo da Pena, de Soutelo ou de Laroá, rematadas fai poucos meses.

O traballo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, só neste 2014, permitiu que se mobilizaran máis de 2 millóns de euros de investimento que permitirán devolver ao río que dá nome a este concello ourensán unha auga en mellores condicións.

A directora xeral de Conservación da Natureza concluíu que “coas melloras no saneamento de Xinzo e as distintas medidas que contempla o proxecto Life Rexenera Limia, que estará en marcha ata xuño de 2017, o río Limia ten garantido un mellor futuro”.

24 de setembro de 2014 | 12:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.