publicidade hoxe

As obras de urbanización da rúa Bernardo Sagasta en Cuntis rematarán en novembro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCuntisLocal PortadaPontevedra
A-
A+

O director da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Francisco Menéndez, avanzou esta mañá que as obras de urbanización da rúa Bernardo Sagasta, no Concello de Cuntis,estarán rematadas o vindeiro mes de novembro. Trátase da mellora dun treito da estrada PO-220 (Pino – Cuntis) ao seu paso por este concello pontevedrés, adxudicada por un importe de máis de 350.000 euros.

A estrada PO-220 encádrase dentro da Rede Secundaria da Xunta de Galicia e na actualidade o tramo da rúa Bernardo Sagasta presenta unha serie de carencias que inflúen na seguridade viaria do peón e vehículos que transitan por ela.

Esta rúa atópase no núcleo histórico de Cuntis, polo que o seu acondicionamento incidirán favorablemente no desenvolvemento do municipio e benestar dos case 5.000 habitantes de Cuntis.

O treito a reparar abarca un total de 310 metros de lonxitude e presenta un ancho dispoñible da calzada que non permite o aparcamento e o cruzamento dos vehículos en condicións seguras. Ademais, as beirarrúas atópanse en mal estado de conservación e presentan longos inferiores aos recomendados na normativa de accesibilidade.

Para solucionar estes problemas, modificarase o reparto da sección transversal da rúa, habilitando beirarrúas con longos axeitados, banda de aparcamento e un carril coa anchura recomentable, para o que será necesario habilitar na calzada un único sentido de circulación (o de entrada cara o núcleo histórico). Ademais, renovarase o firme da calzada.

Coma actuacións complementarias, recolocaranse os actuais báculos de iluminación que sexa necesario, e acometeranse algunhas melloras no sistema recollida de augas da rúa. Finalmente procederase a humanización da estrada coa colocación de zonas axardinadas e mobiliario urbano, cun tratamento acorde ás características do casco histórico, colaborando deste xeito a incrementar o potencial turístico do núcleo.

Con estas actuacións, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas ofrece aos cidadáns unha rede viaria cómoda e segura, axeitada ás demandas do núcleo.

16 de setembro de 2014 | 12:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.