publicidade hoxe

As obras de mellora do auditorio Carmen Estévez de Vilalba son adxudicadas por máis de 250.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilalba
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas vén de adxudicar por máis de 250.000 euros as obras de adecuación e mellora do auditorio municipal Carmen Estévez, no Concello de Vilalba.

A Xunta, a través da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, financia o 100% desta actuación, coa que se porá fin aos problemas de filtracións de auga da chuvia xa que se rehabilitará a cuberta, así como reparacións interiores. Tras a sinatura do contrato, as obras poderán iniciarse; polo que a Consellería de Medio Ambiente espera que se inicien en outubro.

Trátase do equipamento público municipal por excelencia que posúe o concello de Vilalba para prestar servizos de tipo cultural, no cal se celebran actuacións musicais e espectáculos teatrais, entre outros eventos. Actualmente o edificio sofre numerosas filtracións de auga de chuvia, o que fai que algunhas dependencias non poidan ser utilizadas. As actuacións obxecto do presente convenio teñen a seguinte finalidade:

• Rehabilitación e reparación da cuberta do auditorio: proponse un sistema de cuberta de bandexas de aceiro sobre subestrutura metálica fixada ao soporte de cemento. Os petos resólvense de xeito idéntico ao resto da cuberta, na procura da uniformidade construtiva. Colocaranse gárgolas-aliviadeiros de augas pluviais e executarase ademais un sistema para ventilación das cámaras, en substitución do illante actual.

• Reparacións interiores: centrarase na recuperación da pel interior do edificio, revestimento de paramentos con taboleiro de aglomerado de densidade media aglutinado con resinas sintéticas, falsos teitos de paneis acústicos perforados do mesmo material, falsos teitos de paneis acústicos de viruta de madeira fina de cemento branco, falsos teitos de escaiola e pintura plástica en paredes e vernizado de molduras e carpintarías de madeira.

Compre destacar que esta actuación é un exemplo máis das actuacións que se están a desenvolver a través do Plan Hurbe, que desde a súa posta en marcha en 2010 leva propiciadas un total de 78 actuacións, cun investimento de preto de 90 millóns de euros.

29 de setembro de 2014 | 14:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.