publicidade hoxe

Ao abeiro da orde de infraestruturas porase en marcha o proxecto “Btt Ribeira Sacra” entre Nogueira de Ramuín e Parada do Sil

Alfonso Rueda en Nogueira de Ramuín

Alfonso Rueda en Nogueira de Ramuín

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado do presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, visitou esta mañá o concello de Nogueira de Ramuín onde coñeceu de primeira man o proxecto “BTT Ribeira Sacra” que porán en marcha conxuntamente os concellos de Nogueira e Parada do Sil ao abeiro da orde de infraestruturas de uso público.

Alfonso Rueda que tamén estivo acompañado polo alcalde de Nogueira de Ramuín, José César Parente Pérez, destacou a aposta destes dous concellos por levar a cabo unha infraestrutura deportiva de grande interese, que fomenta hábitos saudables e que tamén contribúe a incrementar o turismo e ao disfrute respectuoso do medio ambiente.

O proxecto presentado por Nogueira e Parada consiste na posta en marcha dun centro BTT na Ribeira Sacra e conta cunha subvención de 40.000 euros. Estes centros BTT Galicia son un proxecto promovido por Turgalicia, para dotar á comunidade dunha rede para a práctica de ciclismo con bicicleta todo terreo. O centro BTT Ribeira Sacra contará cunha rede de rutas que duns 100 quilómetros, recorridos sinalizados, un punto de acollida con información turística e servizos para as bicicletas, zona de aparcamento e material sobre as rutas.

Orde de infraestruturas de uso público 2014

A orde de axudas para Infraestruturas de uso público é unha ferramenta que o Goberno galego pon á disposición dos concellos galegos para que estes poidan realizar actuacións que beneficien a todos os veciños; tales como proxectos de creación, adecuación ou rehabilitación de espazos públicos, prazas, rúas e vías públicas, paseos municipais e parques destinados á infancia.

Unhas axudas que este ano contan cunha dotación un 50 por cento superior ao ano pasado e que beneficiarán a máis de 70 concellos galegos, que poderán levar a cabo distintos proxectos que redundan directamente no benestar dos seus veciños. Este ano concedéronse un total de 68 subvencións, que chegan a 73 concellos.

1 de setembro de 2014 | 19:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.