publicidade hoxe

A xustiza conclúe que Teixido cometeu desviación de poder polo seu capricho coa Rúa do Mercado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGuitirizLocal PortadaLugo
A-
A+

O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, lamentou este venres “a actitude irracional e incompresible do Alcalde de Guitiriz, que é capaz de cometer graves infraccións, tal e como concluíu a xustiza polo seu capricho coa Rúa do Mercado, debido a súa obsesión por bloquear todas e cada unha das actuacións ou investimentos da Deputación neste Concello. Véxase o caso do centro de día e residencia público ou ata o sucedido co cadro da luz. Está obsesionado con criminalizar a esta institución, para o que non dúbida en saltarse a lei e antepoñer, claramente, os seus intereses ós dos veciños. O acontecido teríalle que facer reflexionar e levalo a presentar a súa dimisión. O PP debería iniciar ese proceso de rexeneración democrática do que presumen, aplicándoo con Teixido. Candia, experta en facer valoracións sobre as sentenzas, está calada, cando este caso si require dunha ampla reflesión por parte do Partido Popular”.

Martínez fixo referencia á sentenza do Xulgado Contencioso Administrativo número 2, onde a xustiza avaliou o feito por Teixido na Rúa do Mercado, concluíndo que cometeu “fraude de lei” e “desviación de poder”. O Xulgado Contencioso número 2 avala que:

1.- “O Rexedor empregou indebidamente o procedemento de reposición da legalidade urbanística logo de que o Concello cedese os terreos e fixera as xestións oportunas ante a Consellería de Cultura para a peonalización da rúa do Mercado. O único motivo deste cambio de opinión é o cambio de alcaldía para un partido de goberno diferente que pretende empregar o procedemento de reposición de legalidade para cumprir unha promesa electoral, o que non se xustifica dende a doutrina dos actos propios e ademais incorre en desviación de poder”.

2.- “A evidencia da desviación de poder vese en que a reposición de legalidade supostamente pretendida debería levar a desfacer a obra e repoñela no estado anterior á mesma, pero o concello non pretende isto, senón deixala como está, mudando simplemente o uso da vía, o que dende a perspectiva da reposición de legalidade é inexplicable. O Alcalde pretende aplicar a LOUGA de xeito parcial, seleccionando deixar as obras que lle interesa, e desfacéndose unicamente das que implican a peonalización. Isto é fraude de lei”.

Conclusións

A xustiza salienta que “todos os elementos obxectivos descritos converxeron en dúas grandes infraccións, que evidencia a finalidade de empregar a institución da reposición da legalidade para acadar unha finalidade diversa daquela para a que foi concibida. As infraccións son dúas”:

“Declarar ilegalizable un aspecto da obra, a peonalización da rúa, sen fundamento legalmente, baseándoo en problemas de tránsito e inconveniencias anexas que non están documentadas”

“Ordenar a reposición de legalidade de forma diversa á prevista na norma, para, de forma non legal, obter o resultado de conservación das obras”.

5 de setembro de 2014 | 17:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.