publicidade hoxe

A Xunta presenta en Ribadeo o documento preliminar do plan de conservación da praia das Catedrais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoRibadeo
A-
A+

A directora xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado, presentou hoxe no Concello de Ribadeo o documento preliminar do Plan de Conservación do Monumento Natural Praia das Catedrais que, tras a súa publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia, inicia mañá unha fase de participación pública que se prolongará durante quince días naturais. No acto de presentación de hoxe estiveron presentes tamén a delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias, e o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas fai un chamamento á participación no proceso de elaboración deste documento, co obxectivo de consensuar unha folla de ruta que garanta un uso público compatible coa preservación do espazo. Para iso, este documento pode consultarse na seguinte dirección web: http://www.cmati.xunta.es/seccion-organizacion/c/DX_Conservacion_Natureza?content=Direccion_Xeral_Conservacion_Natureza/Espazos_protexidos/Rede_galega/Monumentos_naturais/seccion.html&std=A_praia_das_Catedrais.html

O Plan de Conservación do Monumento Natural Praia das Catedrais concíbese como un instrumento de planificación básico do lugar, cunha normativa de usos e un programa de accións destinado a preservar os seus valores ambientais e paisaxísticos

Na súa intervención, Verónica Tellado explicou que “o Plan de Conservación da Praia das Catedrais parte dun rigoroso diagnóstico da situación actual do espazo, tanto a nivel ambiental como socioeconómico, e identifica os principais riscos e ameazas que afectan ao ámbito”. Ese estudo fixo posible avaliar con exactitude a ameaza que a presión turística, moi concentrada en determinados momentos do ano, e as especies invasoras constitúen para o mantemento do equilibrio ecolóxico do Monumento Natural.

Segundo explicou, “o documento preliminar do Plan de Conservación do Monumento Natural das Catedrais prevé un programa de actuacións que deberá desenvolver a Administración autonómica a través do organismo competente en materia de conservación da natureza en coordinación e cooperación con outras administracións públicas competentes”.

Máxima protección

Tellado concretou que “unha das novidades máis importantes da protección desta área é a proposta de regulación do acceso público en períodos de máxima afluencia (Semana Santa e entre o 15 de xuño ao 15 de setembro), nos que será preciso dispor de autorización da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, quen habilitará o procedemento de tramitación por vía telemática”.

En función dos cálculos previos de capacidade de acollida do espazo levados a cabo pola Consellería de Medio Ambiente Territorio e Infraestruturas, estímase que o límite máximo que se estableza no documento definitivo debe estar entre os 2.000 e os 5.000 visitantes diarios. Con esta medida preténdese, non só garantir a conservación do monumento natural, senón tamén evitar a estacionalidade da afluencia turística e mellorar as condicións de uso público no espazo.

Así mesmo, o documento presentado hoxe prevé desenvolver accións de mellora da calidade de infraestruturas e dos servizos existentes e establece un completo regulamento do uso público que contén a relación de actividades permitidas, autorizables e prohibidas.

Conservación do hábitat

Por outra banda, a directora xeral de Conservación da Natureza explicou que no espazo se identificaron unha serie de especies clave para a conservación do hábitat, a matogueira costeira e a especie Limoniun dodartii, identificadas como “en perigo de extinción” no Catálogo galego de especies ameazadas. Por ese motivo, o Plan de Conservación do Monumento Natural Praia das Catedrais inclúe tamén actuacións destinadas a garantir a súa conservación, así como para erradicar as especies invasoras.

Ademais, na procura dunha maior sensibilización e mellor información, estableceranse mecanismos de difusión e información á poboación en xeral sobre os valores ambientais do Monumento Natural. Con ese obxectivo promoveranse accións de colaboración coa administración estatal, autonómica e provincial, así como coa comunidade científica e a poboación local, para favorecer o coñecemento dos valores naturais e culturais do monumento natural.

O obxectivo da Xunta é que o Plan de Conservación sexa aprobado definitivamente antes do verán de 2015. A partir de entón, a normativa establecida será vinculante, tanto para as administracións públicas como para os particulares, prevalecendo sobre o planeamento urbanístico e os instrumentos de ordenación territorial ou física.

O programa de actuacións deberá someterse a revisión cando se produza unha alteración das condicións ambientais que o motivaron ou, en todo caso, transcorridos 10 anos desde a súa aprobación definitiva.

26 de setembro de 2014 | 13:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.