publicidade hoxe

A Xunta inviste 45.000 euros na mellora de tres camiños no Concello de Cerdido

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCerdido
A-
A+

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, visitou esta mañá o concello de Cerdido para supervisar o resultado das obras de acondicionamento de varios camiños rurais do municipio, aos que a Consellería do Medio Rural e do Mar destinou unha achega de 45.500 euros. Acompañada pola alcaldesa, Ana Rodríguez, Do Campo recordou que se trata de actuacións que se levaron a cabo a través do Plan marco de mellora de camiños rurais de titularidade municipal que desenvolve o departamento autonómico.

En total, actuouse sobre máis de 2,7 quilómetros de pistas, que van desde O Feal ao cruce de Paleira, á entrada de Carballal e de Xaneira a Carballal. Nelas, realizáronse tratamentos asfálticos superficiais para mellorar e acondicionar a capa de rodadura e procedeuse á limpeza das cunetas. Ademais, incrementouse a anchura e a lonxitude destas vías.

O obxectivo fundamental destes fondos é o de levar a cabo actuacións que favorezan o desenvolvemento rural. Segundo salientou a delegada territorial, “con estas iniciativas búscase facilitar os desprazamentos da poboación, co fin de dignificar e mellorar a calidade de vida das persoas que residen nestas zonas e contribuír a arranxar as deficiencias que persisten en determinadas áreas rurais”.

No seu percorrido pola zona, Do Campo tamén subliñou que se trata dunha actuación que se leva a cabo nun marco de cooperación e entendemento entre a propia Xunta e o concello de Cerdido. Neste senso, mostrouse disposta a seguir estreitando a colaboración institucional “co obxectivo de seguir mellorando os servizos que se ofrecen aos cidadáns e a resposta ás súas necesidades”. Para iso, a delegada territorial reiteroulle á responsable local “todo o diálogo e apoio para buscar de xeito coordinado solucións ás demandas dos veciños”.

2 de setembro de 2014 | 16:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.