publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A parroquia de Vitre acollerá o 6 de setembro a milleiros de persoas na Festa das Virtudes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFrades
A-
A+

Xa está todo listo na parroquia de Vitre (Frades) para acoller este sábado 6 de setembro aos milleiros de persoas que cada ano participan na Festa das Virtudes, procedentes non só da comarca de Ordes senón de distintos puntos de toda a xeografía galega. Trátase dunha romaría cun forte arraigo na zona e á que acoden numerosas familias, peñas e grupos de amigos con xantar, que traen da casa ou mesmo preparan no campo da festa. A comisión de festas xa ten reservadas todas as mesas, barbacoas e diversos espazos das parcelas dispoñibles, que nalgúns casos xa están acoutados dende hai varias semanas.

Aínda que o día grande da festa é o sábado, mañá venres 5 de setembro xa comezan os actos relixiosos. A partir das 21:00 horas terá lugar a procesión do Rosario, que sae desde a Igrexa Parroquial de San Xoán de Vitre para dirixirse á Capela das Virtudes. Ás 22 horas está prevista unha misa na propia capela.

O sábado 6 de setembro celebraranse misas na capela ás 11:00 horas e ás 12:00 horas, así como unha misa solemne ás 13:00 horas. Tras este último rito, terá lugar a procesión coa imaxe da santa desde a capela ata o cruceiro, atravesando todo o campo da festa.

Durante a mañá e pola tarde actuará a charanga Ruada e despois dos actos relixiosos comezará a sesión vermú coa orquestra “Panamá”, que tamén protagonizará a verbena nocturna. Esta sesión nocturna atrae a centos de persoas de toda a contorna, que se suman aos milleiros que xa pasan alí toda a xornada, prolongando desta maneira a romaría ata a madrugada. Haberá unha polbeira do Carballiño.

4 de setembro de 2014 | 13:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.