publicidade hoxe

A Festa de San Miguel reúne nun xantar popular na carballeira de San Nicolau a máis de 800 veciños de Frades

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFrades
A-
A+
Romeiros na Festa do San Miguel

Romeiros na Festa do San Miguel

Máis de 800 veciños e veciñas de Frades participaron hoxe luns na tradicional Festa de San Miguel, no privilexiado entorno da carballeira de San Nicolau (Frades). A coincidencia desta festividade en luns marcou o inicio da festa xa que, a pesar de ser festivo local, o número de romeiros foi menor ca en edicións anteriores nas que a festa caera na fin de semana. Iso traduciuse na idade dos romeiros, pois había moitos nenos e moitos maiores, pero apenas xente de mediana idade e case que ningún mozo. Unha situación que mudará ao longo da tarde, coincidindo coa verbena.

Iso si, a diferenza do ano pasado, o tempo acompañou dende primeiras horas e iso animou a moitos maiores do municipio a achegarse ata a carballeira de San Nicolau, cuxos espazos foron rapidamente ocupados. Un ano máis, o churrasco, a empanada e a tortilla foron os reis da xornada, xa que este ano non asistiu polbeira algunha. O seu posto foi cuberto por varios postos de rosquillas, churros e un de bocadillos e hamburguesas.

Como é tradicional, o punto álxido da xornada tivo lugar pasadas as 14:15 horas, coincidindo coa saída en procesión do San Miguel polo entorno da capela tras a misa solemne. A orquestra Trova encargouse da sesión vermú antes do xantar e moitos dos asistentes aproveitaron para botar unhas bailas.

O alcalde de Frades, Roberto Rey, exerceu de anfitrión dunha festa ata a que se achegaron concelleiros dos distintos municipios da comarca de Ordes, que participaron nun gran xantar organizado polas Novas Xeracións do PP e que congregou a máis de 250 persoas. Para esta noite, logo das merendas nas tendas e da actuación da charanga O Recobio, está prevista unha gran verbena coas actuacións das orquestras Trova e Cinema.

29 de setembro de 2014 | 18:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.