publicidade hoxe

A Carreira da Muller na Coruña reunirá a un total de 5.000 participantes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaDeportesDeportes Portada
A-
A+

O Concello da Coruña, a través da área de Deportes que dirixe Francisco Mourelo, informa da celebración, o vindeiro domingo 21 de setembro, da II Carreira da Muller Central Lechera Asturiana DKV da Coruña.

Un total de 5.000 mulleres, desde atletas a aquelas que se inician na práctica deportiva pasando por mulleres de todas as idades a partir dos 12 anos, participarán nesta carreira, a quinta das oito probas que se realizan en 2014 en territorio nacional.

Partirá ás 10.00 horas con saída e chegada na chaira do Parrote pasando por As Ánimas, paseo marítimo até a rotonda do Agra de San Amaro e volta polo paseo marítimo. Trátase dun percorrido urbano duns 5,2 quilómetros e as participantes disporán dunha hora e quince minutos para completalo. Establécense un total de 26 categorías entre individuais e colectivas e outorgásense 111 premios.

Esta carreira está concibida como un evento que aúna deporte, festa e solidariedade polo que, tras a proba, haberá distintas actividades como un concerto de música, un festival de aeróbic e a entrega de premios, ademais da entrega do cheque á Asociación Española Contra o Cancro, xa que unha das principais finalidades é a da sensibilización fronte ao cancro de mama.

Os principais obxectivos da organización son:

– Dar a coñecer á sociedade os grandes beneficios que achega realizar exercicios aeróbicos de forma regular.

– Conseguir unha maior sensibilización contra o cancro.

– Lograr que a muller se incorpore de forma masiva á práctica regular de exercicio aeróbico.

As participantes poderán recoller as súas camisetas, dorsais e bolsas da corredora na Feira da Corredoira que se organiza no Frontón longo de Riazor o venres 19 de setembro ou o sábado 20 de setembro de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas.

A Concellaría de Deportes mostrouse moi satisfeita pola gran acollida que tivo este evento, que o ano pasado congregou a 3.000 mulleres e este ano marcouse como obxectivo chegar ás 5.000, número que se alcanzou tres días antes da finalización do prazo previsto. Desta forma, o Goberno local segue fomentando a incorporación de todos os cidadáns aos hábitos de vida saudables, e neste caso concreto das mulleres, xa que desde o inicio do mandato, o número de participantes en eventos populares duplicouse, mentres que a presenza de mulleres en probas como o circuíto Coruña Corre pasou do 13% da pasada edición ao 22% actual.

17 de setembro de 2014 | 19:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.