publicidade hoxe

A biotecnoloxía agroalimentaria centrará as sesións de ‘Biospain 2014’ en Santiago

Europa Press

A biotecnoloxía verde ou agroalimentaria vai ter unha importante presenza en ‘Biospain 2014’, que se celebra entre o 24 e o 26 de setembro en Santiago de Compostela, con nove sesións que abordarán o descubrimento de novas tecnoloxías, a creación de novos produtos, a valorización de recursos agroalimentarios, e a mellora vexetal e novas variedades grazas á biotecnoloxía moderna.

Segundo informa a organización do evento, entre as mesas máis destacadas deste ámbito en ‘Biospain 2014’, inclúese unha na que se fará unha revisión das tecnoloxías “máis revolucionarias” do sector farmacéutico aplicadas ao ámbito alimentario (nanotecnoloxía, nutrigenómica, metabolómica, e outras), pola súa capacidade para facilitar o desenvolvemento de novos produtos ou mellorar o servizo ao consumidor final.

Noutra sesión analizarase o futuro dos probióticos e outras estratexias de saúde e nutrición que teñen as súas raíces “nunha mellor comprensión” das interaccións entre o organismo humano e a flora microbiana, segundo informa a organización.

O programa inclúe un ‘Foro de Bioeconomía’, onde se abordarán temas relacionados coa produción de recursos biolóxicos renovables, aproveitamento e valorización de residuos agroalimentarios con fins diversos aproveitando a biotecnoloxía e a súa conversión en pensos e outros produtos biolóxicos. A sesión contará con Alfredo Aguilar, membro do Executive Board da European Federation of Biotechnology como moderador.

PROXECTOS

Outra sesión falará de como grazas á investigación en nutrición e do metabolismo “existirá unha valiosa información para entender a orixe e progresión das desordes metabólicos, ocasionados moitas veces por malos hábitos nutricionais”.

Tamén se mostrarán diferentes proxectos baseados nas necesidades e ofertas de tecnoloxía que van promover o futuro da bioeconomía en Europa, de acordo cos obxectivos do Programa Europeo Horizonte 2020.

O 7º Encontro Internacional de Biotecnoloxía terá lugar no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela entre o 24 e o 26 de setembro.

12 de setembro de 2014 | 16:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.