publicidade hoxe

A Baña acadará un aforro enerxético do 60% coa instalación de biomasa na Casa de Cultura e na Escola Municipal de Música

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Baña
A-
A+

O Concello da Baña ten previsto pór en marcha un plan de aforro enerxético nos edificios públicos que acollen a Casa de Cultura e a Escola Municipal de Música, ambos os situados no centro urbano de San Vicenzo da Baña. O Goberno municipal estima que o aforro enerxético e, en consecuencia, económico, roldará entre o 60 e o 70%. Como o conseguirá? Pois a través da instalación de caldeiras de biomasa, que substituirán ás actuais. A calefacción na Casa de Cultura, un edificio á beira da Igrexa das Dores, é de gasóil. E a da Escola Municipal de Música, nun edificio tamén próximo á sede do Concello, funciona a través de enerxía eléctrica.

O Inega xa comunicou ao Concello da Baña a aprobación do proxecto, que comezará a plasmarse nas próximas semanas. O investimento, que xa conta coa ‘luz verde’ da institución dependente do Goberno autónomo, será de 42.000 euros. A Casa de Cultura contará cunha caldeira de biomasa dunha potencia de 42KW e un silo de 4.000 litros. Pola súa banda, a Escola Municipal de Música contará cunha caldeira de biomasa de 65KW e un silo para almacenar biomasa de 6.000 litros. O Concello da Baña aposta pola xestión responsable dos recursos e por iso apesta por plans de aforro enerxético. Xa acometeu tamén plans de aforro enerxético nas instalacións deportivas dependentes do Concello, quen confía en que o novo proxecto estea executado antes de que finalice o presente exercicio.

18 de setembro de 2014 | 19:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.