publicidade hoxe

A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística comproba unha demolición en Oia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOia
A-
A+

A Xunta de Galicia, a través da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), vén de comprobar a demolición voluntaria dunha construción en execución no Concello de Oia. Os traballos de demolición leváronse a cabo antes de que a APLU iniciara a imposición de multas coercitivas e despois de que en maio deste mesmo ano a Axencia trasladara ao afectado a orde de demolición, xa que a construción se ubicaba en solo rústico de protección paisaxística.

O propietario do inmoble decidiu repoñer a legalidade voluntariamente, en apenas tres meses dende que se ditou orde de demolición pola APLU.

Dende a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, sinálase que este tipo de actitudes demostran que, cada vez máis, a sociedade é consciente da necesidade de coidar e protexer o territorio galego fronte ás infraccións urbanísticas.

Ao mesmo tempo, grazas a este tipo de medidas cúmprese o obxectivo final da Axencia, reparar o ilícito e servir de espello para situacións análogas, que axuden a evitar que se reproduzan, co que se busca acadar unha Galicia máis verde de respecto á normativa urbanística.

Finalidade da APLU

Ao mesmo tempo, reproban a postura do Goberno galego sobre este organismo, cuxo obxectivo non é o de derrubar, sancionar e recadar, senón contribuír a ordenar e protexer o territorio galego, crear unha conciencia social de acatamento normativo e de respecto pola natureza e o coidado do medio.

En definitiva, a finalidade da APLU é velar polo uso racional do solo consonte ao que dispón a normativa reguladora do urbanismo e do litoral, especialmente, no medio rural e na zona de servidume de protección do dominio público marítimo.

2 de setembro de 2014 | 16:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.