publicidade hoxe

A artista Doa Ocampo remata a intervención mural no anfiteatro da praza do Toural

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSober
A-
A+

A artista soberina Doa Ocampo vén de rematar a intervención mural no anfiteatro da Praza do Toural, á que seguirán outras actuacións artísticas en varias áreas do municipio, tal e como acordou co Concello de Sober. Neste caso concreto, a praza foi decorada con motivos relacionados coa viticultura.

O remate da actuación vai ser inaugurado oficialmente pola artista neste mes de setembro, nun acto no que estará acompañada polo alumnado do CEIP Virxe do Carme nunha visita didáctica á Praza.

Un proxecto máis amplo

A artista soberina presentou un proxecto ao Concello de Sober no que propuña a realización de intervencións murais en paredes e outras estruturas do espazo público da Comarca de Lemos. Tamén se contempla a decoración de espazos en puntos enclave das rutas de paso turístico abordando as intervencións artísticas mediante temáticas relacionadas cos lugares concretos dos que se trate.

O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, valora esta proposta que vai permitir reconverter espazos deteriorados ou vadíos en lugares cheos de vida e de cor para o disfrute colectivo dos seus habitantes e visitantes. “Axudará a que avancemos así mesmo na incentivación e concienciación da preocupación polo espazo público”, engade.

Segundo a súa autora, Doa Ocampo, trátase de “promover formas de expresión contemporáneas a través desta ferramenta comunicativa que é a arte”. Entre os exemplos que cita nesta liña atópase o museo ao aire libre nas Azores: http://walktalkazores.org ou as desordes creativas de Ordes: http://certamedesordescreativas.blogspot.com.es/.

8 de setembro de 2014 | 12:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.