publicidade hoxe

Urbaser mostra a súa preocupación pola queima dos colectores de papel

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugo
A-
A+
Europa Press

Desde Urbaser, concesionaria do servizo da limpeza da cidade de Lugo, expresaron a súa preocupación por que a queima de colectores se estenda aos depósitos de papel.

Así, fontes da empresa cifran en 27 os colectores que foron pasto das chamas nestes 53 días de folga. Aínda así, ningún foi queimado esta pasada noite, logo dunha espiral de incendios ao longo de toda a semana.

Desde o comité de empresa, o secretario Julio Pacio volvía desmarcarse destas incidencias, en tanto desde a Policía Local se apuntaba a existencia de dous sospeitosos como os supostos autores aínda que non confirman que se trate de traballadores da concesión de Lugo.

Tanto empresa como traballadores coinciden en que se están cumprindo cos servizos mínimos, nalgúns casos fixados no cento por cento. Julio Pacio queixábase de que “cada vez hai menos puntos” onde se concentra a alerta sanitaria, á vez que responsabiliza á dirección do servizo de “non facer todo o posible para eliminar eses puntos de alerta sanitaria, e vese que o seu interese é alargar o conflito”.

O establecemento dun cento por cento de servizos mínimos, interprétao como “un ataque frontal á folga” e cualifica de “ditatorial” dita medida.

DESLIGARSE DE ATAQUES A COLECTORES

Julio Pacio volveu a desligarse dos ataques a colectores e apela a que durante os 53 días de folga “non se produciron altercados significativos”.

Finalmente o portavoz da Federación Veciñal, Fernando Rois, confía en que o concello non pase ao cobro os recibos do lixo destes case dous meses.

“Estamos a esperar desde a federación para ter unha reunión co alcalde unha vez finalizada a folga. Realmente nunca pensamos que puidese chegar aos 53 días. Eu creo que estamos nun túnel sen saída que igual que durou 53 días pode durar 53 meses”, clamou.

1 de agosto de 2014 | 13:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.