publicidade hoxe

Uns corenta xóvenes participan nos campos de traballo de Rois e Boqueixón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoqueixónRoisXuventude
A-
A+

Un total de 40 mozos e mozas están a participar nos campos de traballo de Rois e Boqueixón, entre o 1 e o 15 de agosto, organizados pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo e Benestar, no marco da ‘Campaña de Verán’.

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, visitou hoxe estas dúas iniciativas e lembrou que, en total, este ano a Xunta oferta 649 prazas de campos de traballo para mozos e mozas de entre 18 e 30 anos: 400 en 14 campos de Galicia e 249 prazas de envío (101 en outras once Comunidades e 148 en outros países), cun orzamento de máis de 165.000 euros.

O campo de traballo ‘Castro de Socastro’ de Rois está a permitir aos mozos tomar parte na intervención arqueolóxica de dito castro. Segundo explicou Mato, “trátase dunha actuación dun gran valor patrimonial, que achega aos mozos á historia e a cultura de Galicia, ademais de familiarizarlles coas ferramentas utilizadas polos profesionais da arqueoloxía nas escavacións e posta en valor dos xacementos”.

Neste campamento están a participar 20 mozos e mozas, tanto galegos, como doutras Comunidades, e tamén de Estonia, Turquía, Francia, República Checa e Serbia.

O campo de traballo de ‘Dragal’ de Boqueixón, con 23 participantes, ten como obxectivo a dinamización e a divulgación da área do Pico Sacro. Para acadar ese obxectivo, o campo aposta pola creatividade dos mozos participantes, xa sexa a través da pintura, a escultura, a videocreación, o deseño gráfico, a ilustración ou a banda deseñada.

Todas estas actividades van ter como punto de partida e fío condutor a obra da escritora Elena Gallego titulada ‘Dragal: a herdanza do Dragón’, unha obra repleta de lendas e tradicións que os mozos deberán relacionar co Pico Sacro.

Nos últimos anos a ‘Campaña de Verán’ de Galicia tense convertido nun referente a nivel estatal, tanto en número de prazas como na calidade das actividades ofrecidas. Conta con 8.266 prazas, un 2,7% máis que o ano pasado, e un orzamento de 2,3 millóns de euros, para campamentos, campos de traballo, intercambios con outras Comunidades, a oferta concertada e as actividades para maiores de 18 anos.

A titular de Benestar indicou que esta iniciativa constitúe “un recurso de tempo libre e ocio educativo de primeiro nivel”, ademais de constituír “un elemento moi importante para a conciliación nas familias galegas” e ofrecer unha oportunidade de educación non formal, que amplía e completa as súas habilidades e competencias fóra das aulas.

Mato destacou tamén que outra das grandes vantaxes desta campaña é que, grazas ao seu desenvolvemento, as empresas de ocio e tempo libre de Galicia están a dar traballo a máis de 900 monitores e directores de campamentos, na súa gran maioría xente nova.

Plan Estratéxico de Xuventude 2014-2016

Tanto as actividades de educación non formal como as de voluntariado volven a ser dous dos piares do Plan Estratéxico de Xuventude 2014-2016, posto en marcha nos últimos meses.

Con este novo plan estase a dar continuidade ás medidas máis efectivas da anterior Estratexia (desenvolta entre 2010 e 2013), e inclúense as melloras que demanda a xuventude e o momento actual.

En total, nesta estratexia investiranse preto de 344 millóns de euros e ten como obxectivo dar resposta ás demandas e necesidades de preto de 450.000 mozos e mozas.

A estratexia está formada por 11 eixes de actuación (educación; emprego; creatividade e espírito emprendedor; vivenda: saúde e deporte; participación e asociacionismo; voluntariado; información e formación; mobilidade e turismo; dinamización lingüística; e igualdade) e un total de 240 medidas específicas.

5 de agosto de 2014 | 13:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.