publicidade hoxe

Unhas 90 persoas participaron no Valadouro nas actividades gratuítas do Lugoteando

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoO Valadouro
A-
A+

Preto de 90 persoas participaron este sábado, no Concello do Valadouro, nas actividades lúdico medioambientais que ofrece a Deputación, a custe cero para os participantes, a través do programa Lugoteando. Esta iniciativa, financiada nun 80% con fondos europeos a través do programa Lug02, conta cun programa lúdico deportivo para un amplo público, que busca potenciar o medio natural como un factor xerador de riqueza na provincia ó tempo que se ofrece unha alternativa lúdica a centos de persoas. A iniciativa goza dunha grande aceptación entre os lucenses, pois foron xa máis de 4.000 as persoas que participaron neste programa nas súas edicións anteriores, o que demostra que o ocio medioambiental e o aproveitamento lúdico dos nosos recursos fluviais e litorais é unha das maiores oportunidades económicas da provincia.

Durante a xornada celebrada no Valadouro, ofrecéronse actividades terrestres como son o segway, un transporte lixeiro de dúas rodas, no que o usuario utiliza o peso do corpo para manexalo, e que se impulsa a motor silencioso e non contaminante; os skates a motor, taboas de skateboard que contan con un motor eléctrico respectuoso co medio ambiente ou o Longskate, variante do skate pero máis longo do habitual que se utiliza normalmente para descender costas, derrapar ou simplemente como medio de transporte. Por último, no Concello do Valadouro instalouse o Simulador de Surf, unha das actividades que goza de máis aceptación entre os participantes e que permite experimentar a sensación de facer surf de xeito seguro e en calquera lugar.

Calendario
A 5ª edición do Lugoteando da Deputación desprazarase durante os meses de agosto e setembro por a zona centro, a zona sur e a Mariña Lucense, para que ningunha persoa se perda esta oferta lúdico medioambiental e deportiva. O calendario de actividades é o seguinte:

16 de agosto: O Incio, no embalse.
17 de agosto: A Pobra do Brollón, na praia fluvial.
23 de agosto: Burela, na praia urbana.
29 de agosto: Guitiriz, na praia fluvial de Parga.
5 de setembro: Vilalba, no complexo da Magdalena.
7 de setembro: A Fonsagrada, na Praza do Concello.
6 e 7 de setembro: Lugo, na área recreativa de Los Robles.

Para estas xornadas, ofreceranse 700 prazas gratuítas (cen por cada Concello) para practicar surf, coñecer o sea scooter, subirse ás bananas acuáticas, dar paseos en canoas ou experimentar os patinetes acuáticos a pedal. O prazo de inscrición aínda continúa aberto en www.deputacionlugo.gal e no telefono 982 260 147. Os menores de idade que desexen participar nestas actividades deberán presentar unha autorización firmada polos pais ou titores, que tamén se pode descargar na web da Deputación.

Apoio ó medioambiente

A Deputación de Lugo volve apostar polos recursos fluviais e litorais da provincia como oportunidades económicas. Lugoteando é unha das actividades que organiza durante todo o ano para potenciar o ocio medioambiental e o turismo desestacionalizado para xerar riqueza. Este tipo de actividades tamén contribúen a impulsar negocios lucenses de diferente sectores –hostalería, gastronomía, deportes e multiaventura, etc.-, mantendo postos de emprego, especialmente no rural, e axudando a fixar poboación.

11 de agosto de 2014 | 13:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.