publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Unha trintena de xóvenes participan en Bóveda na campaña de voluntariado ambiental

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBóvedaXuventude
A-
A+

Durante o mes de agosto e a primeira semana de setembro unha trintena de persoas participarán en Bóveda na campaña de voluntariado ambiental posta en marcha pola Consellería de Traballo e Benestar en colaboración coa de Medio Rural e Mar.

Cada grupo, integrado por un máximo de seis voluntarios e coordinado por un monitor, participará durante cinco días en actividades concertadas cos gardas forestais da zona levando a cabo tarefas de vixilancia, coidado e sensibilización sobre a necesidade de conservar os recursos forestais.

Esta iniciativa, impulsada pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, tradúcese en 1.015 xornadas de acción voluntaria. Nesta primeira semana de intervención en Bóveda os voluntarios actúan en Ousende, Bruce e Sobreda, zonas con abundante masa forestal.

Así, o grupo realizará varias rutas pola zona, que determina o distrito forestal, para localizar núcleos sobre os que actuar. Levarán a cabo actividades de limpeza, de control de especies invasoras e localización e control de vertedoiros incontrolados. Tamén poderán colaborar na restauración de áreas incendiadas e na limpeza e caracterización de tramos fluviais.

O programa está aberto a todas as persoas que se queiran inscribir; inclúe aloxamento, manutención, desprazamentos e seguro. Os participantes pernoctan na capital, nas instalacións do LUG, centro dependente da Consellería de Traballo e Benestar.

Esta campaña permite canalizar, a través do voluntariado, a participación activa dos cidadáns no coñecemento e conservación do medio ambiente natural, así como axudar nas tarefas de recuperación dos montes afectados por incendios forestais. Tamén cumprir cunha das liñas estratéxicas do III Plan galego de acción voluntaria 2011-2014, que é a consolidación dun programa estable de voluntariado ambiental, mediante a colaboración de diferentes departamentos da administración autonómica.

6 de agosto de 2014 | 13:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.