publicidade hoxe

Un grupo de 17 xóvenes participan en Riós nun campo de traballo dedicado á conservación dos soutos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurenseRiósXuventude
A-
A+
Rogelio Martínez na visita ao campo de traballo de Riós

Rogelio Martínez na visita ao campo de traballo de Riós

Un total de cinco concellos da provincia de Ourense –Riós, Muíños, Celanova, A Peroxa e Vilar de Barrio- acolleron este verán campos de traballo destinados aos mozos e mozas de entre 18 e 30 anos, e organizados pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

O delegado territorial da Xunta de Galicia, Rogelio Martínez, acompañado do xefe territorial da Consellería de Traballo e Benestar, José Selas, visitou hoxe o campo medio ambiental que se está a desenvolver no Centro de interpretación da Castaña situado en Trasestrada, no concello de Riós. Esta iniciativa ensina aos seus 17 participantes o cultivo dos soutos, así como o aproveitamento dos castiñeiros e as castañas como elemento gastronómico.

Hai mozos procedentes de Rusia, Francia, Turquía e Italia, así como galegos e galegas, e mozos e mozas doutras comunidades autónomas como Castela e León ou a Comunidade Valenciana.

Martínez destacou a importancia destas iniciativas dado que promoven as accións voluntarias, a participación da xuventude na sociedade e a mobilidade, ademais de ser unhas “excelentes ferramentas” de educación non formal.

Os voluntarios do campo de traballo de Riós realizarán traballos de cultivo dos soutos, ademais de aprender as novas tendencias para o aproveitamento integral dos castiñeiros como o control da vexetación mediante o traballo co gando ou a produción de mel, e tamén coñecerán a cultura que rodea á castaña e a súa riqueza como elemento gastronómico, elaborando receitas con este produto como base.

Os campos de traballo son unha das actividades da Campaña de Verán que organiza este departamento autonómico, e que inclúe tamén os campamentos para os menores de 18 anos, o outras actividades de ocio e tempo libre. En total, a campaña oferta este ano un total de 8.266 prazas, un 2,7 por cento máis que o ano anterior.

Dentro da campaña de verán, Galicia conta este ano cun total de 649 prazas para que participen mozos e mozas de entre 18 e 30 anos. Deste total, 400 teñen lugar en campos de traballo de Galicia e 249 son de envío: ben a outras comunidades autónomas (101), ou ben a outros países (148). Grazas a esta oferta, a mocidade galega é a que máis prazas ten á súa disposición para participar en campos de traballo doutras comunidades autónomas ou países.

A campaña de verán organizada pola Xunta, que inclúe tamén os campamentos para os menores de 18 anos, oferta este ano un total de 8.266 prazas, un 2,7 por cento máis que o ano anterior.

11 de agosto de 2014 | 13:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.