publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Un emigrante galego foi asasinado en Arxentina cando trataba de evitar un atraco

Europa Press

Un emigrante galego, Ovidio López, foi asasinado o pasado fin de semana na localidade arxentina do Jagüel ao tentar evitar un atraco que se estaba producindo nun establecemento próximo ao seu domicilio.

Fontes da Secretaria Xeral de Emigración confirmaron que o home, orixinario de Mazaricos, faleceu tras recibir varios disparos cando tentaba evitar un atraco nun consultorio odontolóxico contiguo á súa vivenda.

A vítima, que tiña 57 anos, nacera na localidade coruñesa de Mazaricos e emigrou a Arxentina cando tiña 11 anos. Posteriormente regresou durante algún tempo a Galicia e instalouse na localidade coruñesa de Santa Comba, onde vive parte da familia. Actualmente, Ovidio López, pai de sete fillos, residía na localidade arxentina do Jagüel (provincia de Bos Aires).

Segundo informa o diario arxentino Clarín, o autor dos disparos e o seu cómplice, de entre 25 e 35 anos, foron detidos o pasado martes pola policía. Ambos fuxiron sen botín do escenario do crime nunha moto.

A Secretaría Xeral de Emigración púxose en contacto coa familia do falecido para trasladarlle as súas condolencias e ofrecerlle a súa colaboración nos trámites que consideren necesarios. Segundo confirmaron os seus familiares a este departamento autonómico, o Consulado español está a prestarlles axuda para a repatriación dos seus restos.

14 de agosto de 2014 | 11:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.