publicidade hoxe

Touro celebra mañá a ‘Feira dos Emigrantes’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTouro
A-
A+

O Concello de Touro acolle mañá martes, día 5 de agosto, a súa tradicional ‘Feira dos Emigrantes’. Fonte Díaz, capital do Concello, será o escenario da cita para veciños e forasteiros. Todos os ‘días 5’ de cada mes hai feira en Touro, pero a de agosto cobra especial relevancia porque serve para que os veciños de Touro que emigraron a outras zonas de España ou de Europa poidan atoparse. Persoas que residen durante todo o ano en Cataluña, País Vasco, Suíza ou Alemaña volven no mes de agosto ao municipio coruñés e a feira convértese nun lugar para o reencontro.

A partir das 12.00 horas está prevista a actuación da charanga ‘O recobío’ de Teo, que animará a xornada de compras nos postos que se instalan desde primeira hora nas rúas de Fonte Díaz. Tamén estarán instaladas as pulpeiras, tradicionais no día dedicado aos emigrantes. Coa celebración da ‘Feira dos Emigrantes’ comeza un mes de agosto cheo de actividades no municipio coruñés. O vindeiro domingo 10 de agosto celebrarase a Festa dos Maiores de Touro. Será tamén en Fonte Díaz.

4 de agosto de 2014 | 19:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.