publicidade hoxe

Soutomaior ultima os traballos nos centros educativos para o inicio do novo curso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSoutomaior
A-
A+

Os centros de ensino do Concello de Soutomaior acollen durante as últimas semanas varias obras de mellora nas súas instalacións co obxectivo de satisfacer as necesidades de profesores e alumnos de cara ao comezo do próximo curso escolar. Os traballos inclúen diversas melloras e reparacións nas aulas, patios de recreo e instalacións exteriores, nun total de catro centros educativos.

Durante o verán, os colexios de Soutomaior pechan as súas portas para dar un descanso tanto aos seus alumnos como aos seus profesores. Momento que o Concello aproveita para realizar diversas obras de mellora e mantemento nos seus centros educativos.

No colexio infantil de Romaríz renovouse a pintura da aula ademais de mellorar a calefacción da mesma, como solicitaran as profesoras do centro. No patio de recreo infantil, despois dunha revisión de seguridade, instaláronse proteccións nas columnas para evitar posibles accidentes que puidesen afectar á seguridade dos menores. Por último, tamén se renovou a pintura de diversas zonas especialmente desgastadas.

O C.P.I. Manuel Padín Truiteiro é outro dos centros que máis traballos acolle durante este mes nos seus edificios de primaria e Secundaria. Ademais dos traballos para renovar a pintura de varias aulas, cuartos de aseo, e zonas de comedor… colocarase unha rede no patio de xogos e revisaranse todas as persianas para que estean en perfecto estado cando se inicie o curso.

A escola infantil “A galiña azul” tamén se está preparando para o ano escolar co repintado de varias das aulas, corredores ademais das clásicas revisións de seguridade.

Para finalizar, no edificio de educación infantil en Arcade, ampliarase a cuberta da fachada para protexer aos nenos que teñan que coller o autobús ademais doutras obras de mellora para incrementar a seguridade e comodidade dos pequenos.

Con estes traballos o Concello de Soutomaior pretende ofrecer unha mellora na calidade das súas instalacións educativas a todos os seus usuarios ademais de responder as solicitudes expostas polos alumnos, pais e profesores para o inicio deste novo curso escolar.

27 de agosto de 2014 | 13:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.