publicidade hoxe

Soutomaior celebra mañá a tradicional “Festa da familia”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSoutomaior
A-
A+

O Peirao de Arcade encherase mañá de xogos e actividades na I Festa da Familia organizada polo Concello de Soutomaior. Unha tarde na que non faltará a clásica festa da espuma para nenos e maiores, un espectáculo de pompas de xabón xigantes, castelos inchables, atraccións mecánicas e acuáticas ademais de moita música e unha saudable merenda cos mellores produtos do mar.

A festa comezará a partir das 17:00 horas na chaira do Peirao de Arcade, onde se instalarán as atraccións inchables, como a de Miki ou a de Bob Esponxa. Ao seu lado, unha divertida maneira para soportar as altas temperaturas. Un deslizador e un tobogán acuático para nenos maiores de 3 anos. Outra boa forma de refrescarse será a festa da espuma, sobre todo para os adultos, que tamén poderán reunirse cos seus fillos debaixo do canón de burbullas para combater a calor.

Outra das propostas é o espectáculo con pompas de xabón xigantes. Unha exhibición dunha hora na que nenos e adultos gozarán de todo tipo de burbullas mesturándose cos espectaculares trucos de maxia até alcanzar pompas de varios metros de lonxitude. Un espectáculo ao aire libre que contará coa participación dos máis pequenos, que poderán crear e facer voar as súas propias burbullas.

Unha vez espertado o apetito, os nenos asistentes gozarán dunha saudable merenda por cortesía do programa “Ponlle pilas ao teu bocadillo” da Consellería do Medio Rural. Unha actividade na que un grupo de monitores ensinarán aos pequenos a ler e valorar a importancia das etiquetas nas conservas, a coñecer a mellor maneira de separar e reciclar convenientemente os residuos ademais da elaborar menús que incorporen produtos do mar en conserva.

4 de agosto de 2014 | 18:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.