publicidade hoxe

Satisfacción en Culleredo pola licitación do novo centro de saúde do Portadego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredo
A-
A+

O Concello mostrou hoxe a súa satisfacción pola licitación por parte do Servizo Galego de Saúde e a solicitude de licenza de obra ao Concello da construción do centro de saúde de Culleredo, a pesar de que se produce despois de máis de catro anos desde que o Concello cedeu a parcela e nove meses despois do prazo ao que se comprometeu a propia Xunta.

A pesar diso, o goberno local valorou a licitación xa que o proxecto presentado recolle a creación das Unidades de Drogodependencia e Saúde Mental, que “eran prioritarias para o Concello, xa que evitará desprazamentos aos usuarios e unha atención máis personalizada aos pacientes con esta problemática”.

Coa construción deste Centro, beneficiaranse todos os veciños/as, xa que suporá a desmasificación do de Acea da Ma, “cunha vantaxe engadida, xa que a localización do novo Centro conta con liña de transporte regular e moitos dos veciños/as accederán máis facilmente ao Centro de Saúde”.

O novo Centro de Saúde situarase no Portadego, detrás da casa da radio, nunha parcela cedida polo Concello. Segundo o proxecto presentado, o importe de licitación é de 2.620.323,14 € e prazo de execución de 15 meses.

Na memoria do Proxecto concrétase o número de metros útiles construídos: 1693 m.2, é un edificio de baixo + dúas plantas. Na planta baixa, de 853,21 m.2, sitúanse parte dos equipamentos, o acceso ao Edificio, recepción e 4 salas de enfermaría, tres consultas de adultos e 2 de pediatría. Na primeira planta: catro consultas de adultos, e catro de enfermaría, 1 sala de xuntas, servizos e un despacho de xestión.

No segundo nivel, sitúase a planta dunha unidade de drogodependencia e de saúde mental, con 6 salas de atención, unha sala de espera e servizos.

12 de agosto de 2014 | 19:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.