publicidade hoxe

Rock alternativo e actividades para todos os públicos combínanse no VII Festival Arteficial de Ribadavia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioOurenseRibadavia
A-
A+
Presentación do Festival Arteficial de Ribadavia

Presentación do Festival Arteficial de Ribadavia

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participou hoxe en Ourense na presentación do Festival Arteficial de Ribadavia, que celebrará a súa oitava edición os días 15 e 16 de agosto cunha programación que combinará os concertos de rock alternativo con diferentes actividades culturais e gratuítas para todos os públicos.

Este ano, ademais, o festival que organiza a Asociación Arteficial regresa ao seu escenario habitual na Alameda ribadaviense, despois de dous anos noutras localizacións. Alí terán lugar os dez concertos que dan forma á proposta musical desta edición, que encabezan dous grandes nomes do panorama alternativo estatal: Def con Dos, que repasarán os seus temas máis coñecidos baixo o formato Dos Tenores, co que este ano están a conmemorar o seu 25º aniversario; e Havalina, banda gañadora dos Premios de la Música Independiente ao mellor álbum de rock.

Os galegos Disco Las Palmeras, Cró! e Uppercut, os madrileños Fuckaine, os valencianos Cuellos, os cataláns Cuzo e os portugueses Surveillance tocarán tamén neste festival, que completa o seu cartel con Colectivo Bomba como banda gañadora do IV Concurso de Grupos Galegos Arteficial.

Imaxeficial

En canto á programación paralela, a exposición Imaxeficial sorprenderá os cidadáns e visitantes da localidade coas fotografías, debuxos e pinturas despregadas tanto na praza de Abastos e no Museo Etnolóxico, como nos diferentes locais colaboradores. Ademais, a organización preparou para o venres 15 unha exhibición de graffiti e para o sábado 16, un obradoiro de fotografía estenopeica con Rosiña Rojo e outro de banda deseñada impartido polo colectivo ourensán Sindicato do Cómic. A música de diferentes Dj’s da comarca amenizará estas actividades.

Na presentación desta nova edición e en nome da Consellería de Cultura e Educación, o director da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), Jacobo Sutil, compartiu mesa con César Fernández Gil, asesor de Política Cultural da Deputación de Ourense, e con Ana Puentes, Miguel Araújo e Carlos González Conde, en representación da organización do festival.

Durante a súa intervención, o director da Agadic destacou a consolidación desta cita que, “se ben no aspecto estritamente musical se dirixe a un determinado tipo de público, consegue atraer tanto os cidadáns como os visitantes da localidade cunha programación paralela dinámica, inclusiva e moi participativa”.

Neste mesmo sentido, Jacobo Sutil remarcou que tanto o cartel de concertos como o resto de accións previstas afondan na “dinamización cultural da comarca do Ribeiro nos días previos e durante a fin de semana de celebración deste encontro. “O seu esforzo organizativo, sumado ao da Mostra Internacional de Teatro que se desenvolve hai xa trinta anos, converte Ribadavia nun dos centros neurálxicos de Galicia en canto á súa oferta cultural de verán”, asegurou.

No que respecta ao financiamento, lembrou que a Consellería de Cultura e Educación mantén desde 2012 unha liña específica de subvencións, que convoca a través da Agadic como canle estable de apoio público aos festivais de música e de artes escénicas que se celebran cada ano en Galicia, ao tempo que avanzou que a resolución da convocatoria de 2014 será publicada nos próximos días.

Agradeceu, así mesmo, a colaboración da Deputación de Ourense e do Concello de Ribadavia na organización deste festival, así como das empresas patrocinadoras, subliñando neste punto o papel decisivo do apoio privado para a posta en marcha e a consolidación deste tipo de eventos.

Bonos especiais

As entradas e os bonos para asistir aos concertos do Arteficial están á venda a través das webs ticketea.com e entradas.abanca.com, mentres que as actividades paralelas son de acceso libre. Coa adquisición dos bonos, os espectadores teñen tamén a posibilidade de escoller entre tres actividades que lles dan acceso gratuíto ás Termas do Prexigueiro, á Piscina Municipal ou ao Túnel do Viño (cata dunha selección de viños do Ribeiro).

Ademais e como complemento a esta fin de semana de actividades, a Asociación Arteficial organizará nos días previos un seminario de clown, así como unha ‘jam session’ o xoves 14 no Café-Pub Aljama, aberta á participación de todos os artistas da comarca.

6 de agosto de 2014 | 16:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.