publicidade hoxe

Permanece detido o presunto autor do disparo contra a súa parella en Chantada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaChantadaLocal PortadaSucesos
A-
A+
Europa Press

O presunto autor do disparo en Chantada contra Sonia F.D., unha muller de 32 anos que se atopa na UCI do Hospital Lucus Augusti (HULA) en estado “moi grave”, permanece detido en dependencias da Garda Civil no municipio lucense onde aconteceron os feitos.

Confirmárono fontes do Instituto Armado, que deron por feito que o presunto agresor -un home de 41 anos dono do local no que Sonia F.D. traballaba como camareira- permanecerá retido durante toda esta xornada e que non pasará este mércores a disposición xudicial.

En paralelo, outras fontes da investigación explicaron que traballan para confirmar que se trata dun novo caso de violencia de xénero, pois o detido é a parella sentimental de Sonia. Polo momento, o que adiantaron é que non constan “denuncias anteriores” relacionadas con este extremo.

Sexa como sexa, o Concello de Chantada convocou un pleno urxente ás 11,30 horas co único fin de condenar a violencia machista.

“REPULSA”

Así mesmo, ás 12,00 horas celebrarase unha concentración para expresar “repulsa” ante o acontecido nesta localidade de menos de 9.000 habitantes o último día das festas patronais, que se suspenderon de inmediato tamén polo atropelo mortal dunha moza de 25 anos.

Como explicaron fontes da Policía Local, na noite do martes pecháronse todas as atraccións e cancelouse a actuación da orquestra despois de que transcendesen ambos os dous casos, sobre as 22,00 horas.

TIROTEO NUNHA HAMBURGUESERÍA

Precisamente a Policía Local foi a primeira en chegar á Hamburguesería Piscis pasadas as 21,00 horas, tras recibir a alerta dun veciño que “pasaba por alí” e viu que no interior do local, xa pechado, o dono “se pelexaba” con Sonia Figueroa, a súa parella e camareira.

Unha vez alí, os axentes viron a muller no chan sobre un charco de sangue, de modo que romperon un cristal para acceder ao interior do local e detiveron o presunto agresor, que posteriormente trasladaron ao cuartel da Garda Civil.

EN ESTADO CRÍTICO

Ante o estado da vítima, cun disparo na cabeza, a Policía Local deu a alarma, e o 061 desprazou unha ambulancia asistencial e persoal sanitario do Punto de Atención Continuada (PAC) de Chantada.

A continuación, Sonia Figueroa foi trasladada ao Hospital de Monforte de Lemos e, posteriormente, derivada ao HULA, onde se atopa na UCI en estado crítico tras ser intervida de urxencia para extraerlle a bala.

27 de agosto de 2014 | 11:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.