publicidade hoxe

Os concellos de Marín e Barro estudan as atencións para as fillas da última muller asasinada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBarroLocal PortadaMarín
A-
A+
Europa Press

Os alcaldes de Marín, María Ramallo, e de Barro, José Antonio Landín, puxéronse en contacto nas últimas horas para estudar proximamente algunha vía de colaboración entre ambos os dous municipios co obxectivo de atender as necesidades das dúas fillas menores de Mónica Lorenzo López, a marinense que foi asasinada polo seu marido en Barro, onde residía esta familia. “Porémonos a disposición deles no que se poida axudar”, sinalou María Ramallo.

Os concellos de Marín e Pontevedra a mediodía, e o de Barro unha hora despois, organizaron concentracións silenciosas ás portas das súas respectivas casas consistoriais.

No caso de Marín, a rexedora municipal leu un manifesto proclamando un “non alto e claro” contra a violencia machista, os asasinatos de mulleres “amparados nunha relación de afectividade”. Con el, tamén rexeitou tanto o “sufrimento gratuíto” ás familias das vítimas como a actitude de homes “sen escrúpulos que fan uso da violencia física, psicolóxica ou sexual” coas súas parellas.

A esta mobilización asistiron concelleiros do grupo de goberno e da oposición, representantes de varios colectivos sociais marinenses e veciños, entre os que se atopaban familiares tanto de Mónica Lorenzo coma da súa parella, Daniel Carballal Moldes, que se suicidou despois de cometer o crime.

En ambos os dous casos, os seus achegados mostraron o seu descoñecemento sobre a posibilidade de que a vítima iniciase os trámites de separación e a súa sorpresa ante un desenlace que “nunca” esperarían. “Se se quería matar, que se matase el”, afirmou unha prima do cónxuxe, mostrando a súa preocupación polo futuro das dúas fillas do matrimonio.

Antes de gardar un minuto de silencio, a alcaldesa de Marín afirmou que “actos desta gravidade” non se poden permitir “baixo ningún concepto” e dirixiuse á familia da muller asasinada, confiando en que este acto “sirva de alento na súa dor e de denuncia pública polo crime”. Contra o que a sociedade ten a “obriga de loitar facendo visible a nosa indignación”, concluíu o manifesto de “repulsa”.

EN BARRO

O subdelegado do Goberno, Antonio Coello, participou na concentración realizada no concello de Barro, onde explicou que a Policía Xudicial e o Xulgado están a actuar “con absoluto rigor” no esclarecemento deste “lamentable suceso”. Ademais de transmitir o seu pésame aos familiares e veciños da vítima, Coello dirixiuse á cidadanía sobre a importancia de “concienciar” sobre accións que, como esta, “non deben ter xustificación” e que hai que perseguir, previr e reprobar”.

Por iso, recordou o teléfono de asistencia ás vítimas de violencia de xénero e destacou o carácter “confidencial” deste servizo. “Hoxe a muller ten igualdade de dereitos que o home, está á mesma altura e non podemos permitirnos este tipo de condutas nunha sociedade igualitaria”, engadiu o subdelegado, que se comprometeu a “traballar para que isto non aconteza en ningún sitio”.

Pola súa banda, o alcalde de Barro fíxose eco do “estupor” e a “rabia” da veciñanza ante estes feitos “desagradables e inesperados” que colleron “por sorpresa” ao pobo. “O mellor que podemos facer é prestar axuda inmediata, que se normalicen as cousas e xa iremos vendo”, explicou Landín, sobre a atención ás fillas do matrimonio con “tódolos medios necesarios”, para que estean “o mellor atendidas, que me consta que o están”, engadiu.

Ao igual que a súa homóloga de Marín, o rexedor municipal de Barro sinalou que non había “ningún tipo de denuncia nin antecedentes” por parte da vítima nin do seu marido sobre un posible maltrato. Ao termo dos tres días de loito decretados, José Antonio Landín confía en “saír do trago” para “canalizar” a situación, sen desbotar a posibilidade de organizar algún acto para “que estes feitos desagradables non se esquezan”, concluíu.

EXEQUIAS

Tras practicarlle a autopsia, o corpo de Mónica Lorenzo será trasladado na tarde deste martes ao Tanatorio de Marín. O cortexo fúnebre sairá o mércores ás 16,15 horas dende este último punto para a celebración do funeral no Templo Novo e do enterro no cemiterio marinense.

Os alcaldes de Marín e de Barro anunciaron a súa asistencia ao velorio para acompañar aos pais, irmáns e demais familiares de Mónica Lorenzo que, malia asentarse en Barro dende había anos, mantiña relación coa vila marinense, a onde tamén acudía coas súas fillas.

“En Marín xa levamos o noso”, recordou María Ramallo en alusión á morte de María Isabel Pérez Fraga, que foi asasinado polo seu compañeiro sentimental en decembro de 2013 neste municipio.

Así, a rexedora local marinense instou á sociedade a que “estes actos non pasen desapercibidos” e a “remover conciencias de abaixo a arriba”, polo que pediu “que toda a sociedade se implique”, empezando polas mulleres “que conviven de forma cotiá co medo e o sufrimento, para que rompan o seu silencio e denuncien a súa situación”.

IGUALDADE

Á concentración realizada en Barro asistiu tamén a deputada do BNG Carme Adán, quen reclamou que, ante unha situación “dura” como esta, as Administracións “poñan todos os medios ao seu alcance” para que as menores que quedaron orfas “teñan ao seu alcance a posibilidade dunha recuperación psicolóxica”.

Carme Adán criticou que durante o mandato de Alberto Núñez Feijóo á fronte da Xunta “se”recortaron máis do 50% dos presupostos en políticas de igualdade”. Para a deputada nacionalista “fan falta estamentos para desenvolver a Lei contra a Violencia de Xénero” e, malia tratarse dun obxectivo “difícil”, advertiu que “non se pode recortar nin un solo euro” nesta materia.

Os asistentes a este acto de protesta -ao que a que sumaron varias compañeiras do equipo de fútbol feminino no que xoga a filla maior do matrimonio falecido- finalizaron cun aplauso en memoria de Mónica Lorenzo.

26 de agosto de 2014 | 18:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.