publicidade hoxe

O socialista Ramón Veloso enfrontarase á líder local nas primarias por ser candidato á alcaldía de Ferrol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal Portada
A-
A+
Europa Press

O concelleiro do PSOE de Ferrol Ramón Veloso presentou oficialmente este mércores a súa candidatura ás primarias que celebrará o partido na cidade, nas que se enfrontará a secretaria local e deputada, Beatriz Sestayo, co obxectivo de encabezar a candidatura socialista ás eleccións locais de 2015.

Na presentación da súa candidatura na sede do PSOE ferrolano, Veloso estivo arroupado polos seus compañeiros no concello, encabezados pola voceira, Natividad González Laso, quen está enfrontada á líder local. Ademais, dous exalcaldes socialistas da cidade, Manuel Couce e Vicente Irisarri, acudiron para prestar o seu apoio a un acto ao que tamén asistiu a propia Sestayo.

A súa candidatura preséntase baixo o lema ‘Un paso adiante para que Ferrol gañe’ e coa intención de afrontar os problemas “con unidade e integración”, defendendo que “hai alternativas”, que hai que desenvolver con “ilusión e orgullo” a cidade para que “deixe só de sobrevivir” e se solucione o seu elevado desemprego e a súa baixa taxa de ocupación, que non supera o 35 por cento.

PACTOS

Ante a posibilidade de que se establezan pactos con outros partidos de esquerdas tras as eleccións municipais, Veloso limitouse a sinalar que de momento a súa intención é expoñer o proxecto socialista, co obxectivo de “ser a forza máis votada”. Despois, explicou que serán “os cidadáns os que digan o que queren que fagan as forzas políticas” co seu voto.

Sobre se podería formalizar unha candidatura conxunta con Beatriz Sestayo antes das primarias, defendeu que “a participación é boa e enriquece o debate”. Así, remarcou que, aínda que existan diferenzas, todos son “socialistas” e competirán entre eles “para dar o mellor de cada un á sociedade ferrolana”. “Somos compañeiros, non inimigos”, puntualizou.

PARTICIPACIÓN CIDADÁ

Entre as súas prioridades, Veloso, quen exerceu como concelleiro de Facenda durante o último Goberno socialista en Ferrol, situou a “diversificación económica”, non só da cidade senón tamén das bisbarras, a recuperación da “colaboración institucional”, o impulso aos plans de benestar e os servizos públicos e abrir “definitivamente” a urbe ao mar.

Tamén defendeu que se afronten os grandes temas da cidade, como o convenio co Ministerio de Defensa para cesión de propiedades militares que, reiterou, quedara pendente só do seu “desenvolvemento” tras o pasado mandato socialista, en contra do que se afirma dende o actual Goberno local do PP.

A participación cidadá tamén figura como unha das liñas destacadas da súa candidatura, polo que presentou unha páxina web na que todos os cidadáns poderán enviar as súas suxestións a través de correo electrónico ou por vía telefónica. “Queremos ilusionar a militancia e os cidadáns, porque temos futuro. Queremos vivir, non só sobrevivir”, proclamou, como conclusión a un discurso que recibiu os aplausos dos asistentes.

13 de agosto de 2014 | 16:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.