publicidade hoxe

O Novo Circo chega á súa cuarta edición en Nigrán cun cartel de luxo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioNigrán
A-
A+

O Novo Circo volve a Nigrán cun cartel de luxo, formado por 24 artistas de renome nacional e internacional, procedentes de distintos puntos da península, como Galicia, Cataluña e Castela e León, ademais dos locais Jano, Isla Letriska e o grupo de batucada “Trópico de grelos”. A este cartel de luxo súmase este ano a actuación de dous dúos procedentes de Arxentina e Brasil, cuns enerxizantes espectáculos entre os que haberá malabares con lume.

Ao longo do fin de semana, locais e visitantes poderán gozar en Nigrán de tres espectáculos de rúa e unha gran gala circense de forma totalmente gratuíta, “uns espectáculos para todos os públicos que aínda que abarcan diferentes modalidades circenses, teñen en común o humor, a diversión e a maxia do circo como fío condutor dos mesmos”, apunta o alcalde de Nigrán, Alberto Valverde.

Escapismo, malabares e moito clown

A actuación “A vida tola” de Pajarito abrirá a cuarta edición do festival, o venres 15 de agosto ás 20.00 horas no paseo de Panxón, cun espectáculo de escapismo, transformismo e clown único, grazas á capacidade de improvisación da súa protagonista, así como pola espontaneidade que trae consigo a participación activa do público.

Alfi e o seu “Circo Medina” tomarán o paseo marítimo o sábado, tamén ás 20.00 horas, para quentar motores antes da gran gala da noite, cun espectáculo de malabares, acrobacias e clown.

Gran gala

A Gran Gala do Novo Circo, que terá lugar o sábado a partir das 23.00 horas en Campo dás Redes e estará conducida por Paxarela, contará nesta edición con sete actuacións: os números clown de Jano, Isla Letriska, Mónica Paradella e Alfie, e as actuacións dos dúos Asacocirco e os seus malabares de lume, Dj Capuzzi e Srta. X e o seu show, mestura de comedia física, circo e clown, e as expertas en acrobacias aéreas, Duelirium.

Pasarúas circense

A cuarta edición do festival pecharaa o domingo o espectáculo “Circàmbulant” da Finestra Nou Circ, uns pasacalles protagonizado por algúns dos artistas que configuran o cartel, acompañados do grupo local de batucada “Trópico de grelos”, que percorrerá o Paseo de Panxón a partir das 20.00 horas.

O festival

O festival Novo Circo chega á súa cuarta edición como unha das apostas de lecer estival máis esperadas na comarca, “e que ano tras ano ha ir crecendo e enriquecendo o seu elenco artístico, dando prioridade á contratación de artistas locais pero incorporando tamén a outras compañías procedentes de distintos puntos da península, e este ano do outro lado do Atlántico”, sinala Valverde.

O Novo Circo naceu coa finalidade de achegar aos veciños de Nigrán e da comarca, así como aos turistas que visitan o municipio nestas datas, unha mostra do que se está facendo no ámbito circense, tanto a nivel autonómico como nacional, “un traballo de gran calidade e pouco recoñecido que se poderá gozar nas rúas do noso municipio de forma gratuíta no próximos tres días”, engade o rexedor.

14 de agosto de 2014 | 18:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.