publicidade hoxe

O goberno galego destina máis de 19.000 euros á realización de diversas obras de mellora nos xulgados de Ortigueira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaOrtigueira
A-
A+
Belén do Campo na visita aos xulgados de Ortigueira

Belén do Campo na visita aos xulgados de Ortigueira

A delegada territorial da Xunta, Belén do Campo, visitou hoxe o edificio que alberga os xulgados de Ortigueira, ao que o Goberno galego destina unha achega de 19.351 euros para a realización de diversas obras de mellora. Acompañada polo alcalde, Rafael Girón, Do Campo supervisou a marcha das actuacións que se están a levar a cabo por parte da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e que, segundo indicou, quedarán rematadas esta mesma semana.

Nestes momentos estase a reparar a cuberta da zona da sala de vistas. O proxecto contempla o levantamento da cuberta, a posta dunha barreira de impermeabilización con tea asfáltica e labores de impermeabilización da claraboia e do lucernario. Esta intervención ven completar as xa realizadas nas últimas semanas, que consistiron na pintura do interior do edificio, que incluíu a limpeza das paredes e o saneado de gretas e desconches producidos pola humidade.

Neste senso, a delegada territorial resaltou que o proxecto de mellora enmárcase dentro do compromiso do Goberno galego coa Administración de Xustiza, de xeito que dispoña dos medios materiais necesarios para levar a cabo as súas funcións. Precisamente, o departamento autonómico ten en marcha un ambicioso Plan de Infraestruturas Xudiciais onde se presta especial atención ao estado, mantemento e renovación das infraestruturas dos partidos xudiciais máis pequenos, como é o caso do de Ortigueira.

Na mesma liña, a máxima representante do Goberno galego na provincia recordou que os edificios xudiciais son unha das primeiras responsabilidades da Xunta no eido xudicial, “xa que para un correcto desempeño da labor de administrar xustiza, cómpre contar cunha rede de infraestruturas adecuada, que permita aos cidadáns percibir a prestación deste servizo público como unha organización eficaz, transparente, atenta co cidadán e adaptada ás necesidades do século XXI”.

11 de agosto de 2014 | 16:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.