publicidade hoxe

O goberno de Ferrol defende o mantemento no ámbito público do servizo de socorrismo nas praias

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal Portada
A-
A+

O Goberno Municipal de Ferrol sinala que a liña seguida neste mandato é a de recuperar do ámbito privado o servizo de vixilancia e socorrismo das praias do municipio, que o anterior executivo decidiu privatizar. Aquela decisión, adoptada en 2009, de contratar a unha empresa supuxo un considerable incremento do custe desta prestación para as arcas locais, ademais de romper coa práctica habitual de que da mesma se ocupara Protección Civil. Neste sentido, a voceira do Grupo Municipal, Martina Aneiros Barros, volveu lamentar hoxe que “ultimamente o PSOE fundamente o seu traballo de oposición no simple oportunismo político e parece que os seus concelleiros soamente están preocupados das primarias do seu partido”.

Martina Aneiros manifestou que “o que fixemos foi devolver o servizo de praias a Protección Civil, que o desempeñou de maneira moi satisfactoria e demostrando a súa capacidade e profesionalidade para levar a cabo esa tarefa”. Ademais, a edil destacou que coa recuperación do servizo e o seu encargo a Protección Civil “no soamente garantimos o correcto funcionamento do servizo, tamén diminuímos notoriamente os custes do mesmo”. Así, na temporada de verán de 2012 –a primeira do presente mandato- o Concello de Ferrol destinou 150.000 euros ao servizo de socorrismo do que se ocupaban en todas as praias Protección Civil agás nas dúas que entón tiñan o distintivo de Bandeira Azul: Doniños e San Xurxo. Esta cantidade supuxo reducir á metade o investimento nesta prestación en comparación co verán de 2011 en que o entón goberno do PSOE gastou 360.000 euros, a pesares de que o Concello seguía poñendo a disposición da empresa contratada material e infraestruturas para levar a cabo as tarefas que lle correspondían.

Así as cousas, a voceira do Goberno Municipal apuntou que “fronte a privatización feita no anterior mandato, este Executivo actuou de boa fe e volveu á práctica habitual de contar con Protección Civil para garantir a seguridade aos bañistas e usuarios das praias”. Martina Aneiros explicou que esta liña de actuación de devolver o servizo de socorrismo a Protección Civil –medida que se puxo en práctica en verán de 2012 – provocou problemas e denuncias interesadas o que levou ao Executivo ferrolán a facer unha nova proposta, “pero sempre mantendo o servizo nas praias no ámbito público”, aclarou. Así, e seguindo esta premisa, encomendouse o servizo de socorrismo de toda as praias de Ferrol á sociedade pública Tragsa. Este verán o servizo de socorrismo préstase por un importe de 230.00 euros, que aínda segue a ser moito menor do custe que tiña cando a prestación foi entregada no mandato anterior á xestión privada.

Por último, dende o Concello de Ferrol reiterase todo o amparo a Protección Civil; e se continúa a buscar as solucións aos requirimentos da Seguridade Social pola vixilancia de praias en 2012.

12 de agosto de 2014 | 17:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.