publicidade hoxe

O DOG publica a aprobación da modificación do proxecto sectorial do parque empresarial de Touro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaTouro
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da aprobación definitiva do proxecto sectorial modificado do parque empresarial de Touro, que xa autorizara o Consello da Xunta o pasado 26 de xuño.

O proxecto sectorial foi aprobado polo Consello da Xunta en xuño de 2011 e a súa modificación puntual sometida a exposición pública en outubro do ano pasado. Malia ser unha promoción privada, a modificación do proxecto sectorial foi tramitada polo IGVS, tal como establece a normativa vixente. Este parque empresarial estaba incluído no Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia de 2004.

A modificación do proxecto sectorial afecta unicamente ao deseño das vías internas e ao dimensionamento das parcelas, ao tempo que adecúa o trazado das conexións externas (vías e redes de servizo), de acordo coas propostas dos organismos e empresas afectadas. Por ese motivo, modifícase o trazado da vía de acceso, redeséñanse as vías internas e parcelas para incrementar a superficie de zonas verdes, acéptase a posibilidade de empregar outros materiais distintos do formigón na execución das beirarrúas e cámbiase a posición do depósito de auga.

Principais características da actuación
• Superficie total do ámbito do parque empresarial: 52.755 m²
o Superficie lucrativa industrial: 29.405,00 m²
• Orzamento total previsto: supera os 3,4 millóns de euros (IVE incluído).

Inicialmente prevíase que o promotor do parque empresarial de Touro sería a empresa pública Xestur Coruña, pero dado que a totalidade dos terreos en que se vai asentar é propiedade dun único propietario, interesado no seu desenvolvemento, Xestur chegou ao acordo de lle ceder a promoción ao dito propietario, Explotaciones Gallegas, S.L. que correrá con todos os gastos da promoción.

Segundo o acordo entre Xestur Coruña e a empresa promotora, Explotaciones Gallegas S.L., asume a execución ao seu cargo das obras de urbanización, e está obrigado a :

• Ceder gratuitamente a Xestur unha superficie urbanizada do 10 % ou aboarlle o importe equivalente en metálico.
• Ofertar, para a venda a terceiras empresas, un mínimo do 40 % da superficie de parcelas de uso industrial, cuxo prezo de venda deberá ser xustificado e comunicado ao IGVS.
• Cederlle ao concello as superficies de uso e servizo público.
• Prestar garantía a favor do IGVS do cumprimento das súas obrigas, unha vez que sexa aprobado o proxecto sectorial.

1 de agosto de 2014 | 16:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.