publicidade hoxe

O director xeral de Xustiza comproba as obras de mellora do Xulgado da Pobra de Trives

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Pobra de TrivesOurense
A-
A+

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, visitaron hoxe o edificio do xulgado da Pobra de Trives, no que o Goberno galego vén de realizar unhas pequenas obras de mellora que continuarán o vindeiro exercicio.

Os representantes da Xunta comprobaron o resultado dos traballos levados a cabo, que consistiron fundamentalmente na instalación dunha marquesiña, a substitución da porta principal e a pintura dos interiores. As obras completaranse no vindeiro exercicio cando está previsto que se realicen traballos de climatización e un cambio das fiestras. O orzamento de todas estas actuacións rondará os 30.000 euros.

Ademais, e segundo explicou o director xeral, a estas obras hai que sumarlles a instalación este mesmo ano dunha caldeira de biomasa por parte da Secretaría Xeral Técnica da Vicepresidencia. Esta obra terá un orzamento de 28.000 euros -cofinanciados grazas a unha axuda dos FEADER- e redundará nun importante aforro de combustible para o xulgado, situado nunha zona de alta montaña.

Plan de Infraestruturas Xudiciais

Martín resaltou que o proxecto de mellora que o seu departamento levou a cabo no xulgado da Pobra de Trives enmárcase dentro do compromiso do Goberno galego coa Administración de Xustiza, unha aposta que se materializou no Plan de Infraestruturas Xudiciais, unha ambiciosa planificación que fixo a Xunta para facer fronte ás necesidades de infraestruturas da xustiza, así como prever as necesidades futuras.

O obxectivo deste Plan é que Galicia conte cunha rede de infraestruturas “próxima e adecuada” que permita aos cidadáns acceder á Xustiza nas mellores condicións. Así, xunto á construción de edificios xudiciais de nova planta ou obras de rehabilitación, presta especial atención ao estado, mantemento e renovación das infraestruturas dos partidos xudiciais máis pequenos, como é o caso da Pobra de Trives.

Estas obras, destinadas a mellorar o día a dia dos traballadores dos xulgados e dos cidadáns que acoden a eles, consisten na súa maioría en traballos de climatización, reparacións de fachadas, instalación de fiestras e ascensores e outras obras de mantemento. Nestas “obras menores” a Xunta investiu este ano máis de 260.000 euros en todo Galicia, dos cales preto de 60.000 foron na provincia de Ourense, onde se fixeron melloras en xulgados como os de Carballiño, Xinzo de Limia, Celanova, Ribadavia, Verín ou Trives.

7 de agosto de 2014 | 14:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.