publicidade hoxe

O detido por disparar a unha xoven en Chantada confesa os feitos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaChantadaLocal Portada
A-
A+
Europa Press

O detido por disparar a unha moza de 32 anos en Chantada (Lugo), que permanece arrestado no cuartel da Garda Civil e até este xoves non está previsto que pase a disposición xudicial, recoñeceu ser o autor dos feitos en dúas ocasións.

Segundo informou en declaracións aos medios nunha concentración de repulsa na localidade chantadina o subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo Páez, o presunto agresor, un home de 41 anos, dono do local no que a vítima traballaba como camareira, admitiu os feitos na mesma noite do martes.

“Onte (polo martes) autoinculpouse, estaba moi excitado e alterado”, indicou o subdelegado do Goberno, quen indicou que tamén volveu a confesar os feitos durante a súa declaración deste mércores, en que a investigación procedeu a realizar rexistros no seu domicilio.

Tanto a súa declaración, como a das testemuñas, xunto cos resultados dos rexistros forman parte das dilixencias que se enviarán ao xulgado, aínda que até este xoves non pasará a disposición xudicial.

Ramón Carballo rexeitou “todo tipo de violencia, en especial a violencia ás mulleres” e fixo un chamamento a aquelas que estean a pasar por calquera acto de violencia a que presenten denuncias, porque “é a única forma de que as distintas administracións poidan actuar e pór os medios” necesarios.

27 de agosto de 2014 | 19:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.