publicidade hoxe

O conselleiro de Educación visita varios centros escolares de Melide que suman investimentos por 440.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMelide
A-
A+
Xesús Vázquez en Melide

Xesús Vázquez en Melide

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, realizou esta mañá un percorrido por varios centros escolares do Concello de Melide, onde se están a acometer unha serie de actuacións co fin de axeitalos cara o comezo deste curso 2014-2015. Na súa visita, o conselleiro salientou que o departamento que dirixe leva realizados investimentos por valor de preto de 440.000 euros en obras nos centros escolares de Melide, unha importante cantidade que pon de manifesto o compromiso da Xunta de Galicia co ensino público.

CEIP Mestre Pastor Barral

Vázquez Abad iniciou o percorrido nas instalacións do CEIP Mestre Pastor Barral para comprobar as actuacións levadas a cabo no patio de educación infantil, aos que a Consellería destinou uns 15.700 euros. Estas obras, que se atopan xa na última fase de execución, permiten ampliar a soleira da zona cuberta, instalar a gradaría e un areeiro. Deste xeito, os máis pequechos poderán dispoñer dunha zona axeitada para o seu uso e disfrute.

CEIP Martagona

Posteriormente Xesús Vázquez Abad trasladouse ao Centro de Educación Infantil e Primaria de Martagona, no que a Consellería acomete obras de reforma e acondicionamento do porche para o patio cuberto por un importe de 30.600 euros. Os traballos, que tamén están xa na súa fase final, consisten na eliminación das barreiras arquitectónicas existentes, na colocación de rampas e no peche dunha parte do patio para protexelo do vento. Cómpre lembrar que desde o ano 2009, o departamento de Educación da Xunta leva investidos algo máis de 123.000 euros na mellora das instalacións deste centro escolar.

Tanto no caso das obras do Mestre Pastor Barral como do CEIP de Martagona, o conselleiro Xesús Vázquez Abad salientou que as obras estarán totalmente rematadas antes do inicio deste curso de xeito que ambos colexios van estar en condicións de acoller aos alumnos e alumnas con total normalidade xa dende o primeiro día lectivo.

IES nº 1 de Melide

O conselleiro rematou o percorrido visitando as instalacións do IES nº 1 de Melide, onde o departamento de Educación ven de rematar as obras de reposición do pavimento deportivo do ximnasio, por un importe de 7.500 euros. Neste centro, a Consellería que dirixe Vázquez Abad leva investidos preto de 180.000 euros nos últimos cinco anos, que permitiron importantes actuacións de mellora referentes á protección solar, illamentos, calefacción, eliminación de filtracións, drenaxe e cuberta entre outros.

27 de agosto de 2014 | 12:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.