publicidade hoxe

O Concello de Sober daralle unha nova imaxe ao anfiteatro da praza do Toural

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSober
A-
A+

O Goberno local do Concello de Sober aceptou a proposta da veciña de Sober Doa Ocampo que permitirá a intervención artística mural en varias áreas do municipio. En concreto, este ano a intervención levarase a cabo no anfiteatro da Praza do Toural, uns traballos que deron comezo esta mesma semana.

A artista soberina ten presentado un proxecto ao Concello de Sober no que propón a realización de intervencións murais en paredes e outras estruturas do espazo público da Comarca de Lemos. Tamén se contempla a decoración de espazos en puntos enclave das rutas de paso turístico abordando as intervencións artísticas mediante temáticas relacionadas cos lugares concretos dos que se trate.

O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, valora esta proposta que vai permitir reconverter espazos deteriorados ou vadíos en lugares cheos de vida e de cor para o disfrute colectivo dos seus habitantes e visitantes. “Axudará a que avancemos así mesmo na incentivación e concienciación da preocupación polo espazo público”, engade.

Segundo a súa autora, Doa Ocampo, trátase de “promover formas de expresión contemporáneas a través deste ferramenta comunicativa que é a arte”. Entre os exemplos que cita nesta liña atópase o museo ao aire libre nas Azores: http://walktalkazores.org ou as desordes creativas de Ordes: http://certamedesordescreativas.blogspot.com.es/.

A primeira das intervencións

A primeira destas actuacións, ás que o Goberno local ten previsto sumar novas intervencións noutros espazos públicos, comezou esta semana no anfiteatro ao aire libre da Praza do Toural. Preténdese darlle unha nova imaxe e embelecer o espazo que posteriormente poderá ser promocionado como actividade cultural ao poder acceder á observación en vivo dos procesos de realización da obra artística.

7 de agosto de 2014 | 11:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.