publicidade hoxe

O Concello de Ortigueira logra que se revise a velocidade na AC 101 e se mellorase a sinalización

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOrtigueira
A-
A+

Eran dúas vellas demandas de concello e condutores e, por fin, materializáronse. O Concello de Ortigueira conseguiu que se modifiquen os límites de velocidade permitidos na AC 101 ao seu paso pola parroquia ortegana de Freires, punto habitual de controis, e que se mellore a sinalización da localidade na Autovía Ferrol -Vilalba.

O cambio introducido por Tráfico na estrada Ortigueira- As Pontes supón a desaparición do sinal que limitaba a 50 a velocidade no lugar de Meixido, dirección a Ortigueira, pasando o tramo a estar limitado a 70 km/hora. Administración local e usuarios do viario sostiñan que a anterior limitación casaba mal cos índices de seguridade e coas boas condicións do trazado neste punto.

Así as cousas, o cambio non leva diminución algunha na seguridade viaria e suporá, dada a frecuencia dos controis de velocidade na zona, unha boa noticia para os usuarios/as. A medida ademais viuse acompañada da colocación de novos sinais de advertencia de perigos ao longo do viario, que teñen por obxecto indicar aos usuarios da vía a proximidade e natureza da rega (cruces, curvas…) para que axusten a súa condución.

Autovía Ferrol Vilalba

Pola súa banda, a Axencia Galega de Infraestruturas, dependente da Consellería de Medio Ambiente e Infraestruturas, procedeu antonte á instalación de novos sinais indicadores de “Ortigueira” na Autovía de Vilalba. Desde o goberno local considérase importante a medida por canto afecta a un dos viarios que vertebran a comunicación polo Norte de Galicia, constituíndo unha conexión natural do Ortegal co interior da comunidade.

Os novos indicadores localízanse na AG-64, en dirección Ferrol, e facilitarán a chegada á localidade tanto dos veciños como dos visitantes que, ao longo do ano, utilizan o viario para achegarse até o municipio.

7 de agosto de 2014 | 15:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.