publicidade hoxe

O Concello de Ortigueira anima á cidadanía a participar na “VII Xira do Veciño”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOrtigueira
A-
A+

O alcalde de Ortigueira, Rafael Girón, convida a todos os orteganos a sumarse mañá na Illa de Mera á celebración da “VII Xira do Veciño”. A iniciativa, organizada polas concellarías de Benestar Social e Participación, no ámbito das propostas de integración social, pretende fortalecer as relacións entre xentes procedentes das 22 parroquias.

Membros de entidades veciñais e orteganos en xeral están chamados a participar mañá sábado no encontro festivo, que busca recuperar os antigos retallos das parroquiais, á vez que serve para fomentar a convivencia entre veciños de distintas xeracións e puntos do termo municipal.

A actividade arrincará a iso das 13:00 h, cos preparativos da “chicharrada” popular e gratuíta (finalmente, e do mesmo xeito que sucedese o pasado ano, serán chicharros e non sardiñas os que se repartan) e a animación musical do grupo de gaitas Brisas da Croa. E tras a comida campestre, competicións de xogos tradicionais, inchables para o público infantil e, por suposto, máis música.

Dous departamentos municipais implicáronse no desenvolvemento desta proposta lúdica, posta en marcha por vez primeira fai xa sete anos, e en vista das boas condicións do lugar, volverá celebrarse na área recreativa existente na parroquia de Santiago de Mera.

29 de agosto de 2014 | 18:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.