publicidade hoxe

O Concello da Coruña incorpora ao seu patrimonio municipal o edificio do antigo Goberno Militar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+
Sinatura do convenio de cesión

Sinatura do convenio de cesión

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, e o delegado de Economía e Facenda en Galicia, Emilio Vázquez Salgado, asinaron o documento de cesión gratuíta, grazas ao cal o edificio do antigo Goberno Militar se incorpora ao patrimonio municipal. O inmoble, de gran valor histórico e construído no século XVII, ten 3.800 metros cadrados e o seu valor contable alcanza os 12 millóns de euros.

O Goberno local ratifica así o seu compromiso firme e dá un paso máis para dotar dun equipamento social e cultural á Cidade Vella, saldando así unha vella demanda veciñal de fai máis de 20 anos. O inmoble, situado na rúa Veeduría número 2, albergará
un centro cívico, de 700 metros cadrados; un local para a asociación de veciños da Cidade Vella e outras instalacións para diversos usos culturais.

Esta cesión súmase a outras que se produciron ao longo deste mandato como a biblioteca do Consulado, os 60.000 metros cadrados na Maestranza para o equipamento cultural de CIDEA ou os 17.000 na Fábrica de Armas para o acondicionamento dun centro de lecer para os veciños de Palavea e Pedralonga.

Ademais, esta mañá, o Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicou o acordo, alcanzado no pleno municipal do 21 de xullo, para o cambio de uso da parcela do antigo Goberno Militar para que se poida dedicar ao benestar social ou cultural.

OBRAS DE REHABILITACIÓN

O Concello sacou esta semana a concurso as obras de rehabilitación e reestruturación parcial do edificio, que contan cun orzamento de 544.499 euros, co obxectivo de que os traballos empecen no último trimestre deste ano. Dos 3.800 metros cadrados de superficie construída e distribuída en catro plantas, rehabilitaranse 897,55 metros cadrados, distribuídos entre a planta baixa (294,47), a primeira (260,08) e a segunda (343). Entre as principais obras que se executarán, destacan:

– Restauración da porta da rúa Veeduría máis próxima á rúa Amargura, onde se mellorará a accesibilidade para facilitar a entrada ao centro cívico. Tamén se acondicionarán as xanelas de madeira onde se situará o novo centro cívico.

– Recuperación da estrutura existente no interior do edificio e a instalación dun ascensor panorámico no patio interior e a prolongación da escaleira principal que actualmente une a planta baixa coa primeira para que chegue até o segundo piso.

– Instalación da rede eléctrica, de fontanaría e calefacción e dos sistemas de protección contra incendios; ademais de amoblar a aula de cociña.

14 de agosto de 2014 | 13:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.