publicidade hoxe

O Ciclo de Música Relixiosa de Barcia de Mera celebra unha nova sesión cunha misa mozárabe de Vox Organalis

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMondariz
A-
A+

O Ciclo de Música Relixiosa de San Martiño de Barcia de Mera, en Covelo, Mondariz, celebra en 2014 a súa sexta edición co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Esta oferta cultural constitúe un encontro coa música culta que nestes anos foi acadando un lugar destacado no panorama cultural da provincia de Pontevedra. O programa, que se ven desenvolvendo dende o pasado 26 de abril e concluirá o vindeiro 20 de setembro, ofrece un total de seis actuacións.

Programación

O grupo vocal presentará un programa no que os cantos monódicos da tradición mozárabe alternaranse con composicións dalgúns dos máis importantes códices medievais, como o Codex Calixtinus, o Codex Montpellier, o Koning Manuscript e pezas da Escola de Notre Dame, ou a catedral de Tui.

Cronoloxicamente as interpretación abranguen o século IX, no que destacan obras como a Petitio ‘Adjuvate me fratres’ ou a Salutatio ‘Gratia Dei patris’; o século X: o Organum ‘Cunctiponens Genitor’; dos séculos XII e XIII: a Tropo ‘Sonet Vox Ecclesiae’ e o Motectum ‘Alle Psallite cum luya’, respectivamente; e chegan ata o ‘Benedicamus Domino’ de Martín De Ribaflecha posterior a 1528.

Un encontro coa música

A música antiga, presente en cinco dos seis concertos deste ano, foi a gran protagonista da sexta edición do ciclo, que se vén caracterizando por unha coidada selección de intérpretes e repertorios, así como polo valor patrimonial do espazo no que se enmarca.

O concerto inaugural, ‘Música na Real Corte Aragonesa’, correu a cargo de Ensemble Vocal Thesaurus e celebrouse o sábado 26 de abril, na igrexa de San Martiño de Barcia de Mera. A seguinte actuación, cun repertorio de barroco americano, desenvolveuse o 24 de maio da man de Vox Stellae Ensemble. O tenor Diego Neira e a soprano Cecilia Rodríguez-Morán, acompañados ao piano por Jesús López, ofreceron arias de ópera e oratorio na cita do 21 de xuño. O seguinte concerto do ciclo correspondeulle a un dos grandes xenios do barroco musical: ‘Bach, sonatas para órgano e frauta’, e foi interpretado polo organista Joaquín Barreira e o frautista Xabi Louriña, o 19 de xullo. Finalmente, a cita actual traeranos o vindeiro venres día 15, a misa mozárabe e chegará da man de Vox Organalis.

O peche do ciclo musical de Barcia de Mera realizarase o sábado 20 de setembro, ás 20.30 horas, cun amplo programa barroco no que se poderá gozar de obras de Tomás Luís de Victoria, Alonso Mudarra e Claudio Monteverdi, entre outros, a cargo da mezzosoprano Marta Velasco e Ramiro Morales, tiorba, como principais protagonistas da xornada final.

As entradas para asistir ás diferentes citas do VI Ciclo de Música Relixiosa de San Martiño de Barcia de Mera estan á venda, ao prezo de 10 euros, na recepción do Balneario de Mondariz e na propia parroquia o mesmo día da posta en escena.

Programación de excelencia no mundo agrario

O grupo vocal Vox Organalis forma parte da estrutura do Coro Campus Stellae e está integrado por seis membros: Óscar Mato (alto); Diego Neira (tenor); Luís Martínez, Felipe Sar e Francisco Alonso (baixos) e o Daniel Canosa (violonchelo).

A agrupación nace coa idea de interpretar música medieval e do Renacemento con criterios historicistas. Os seus membros colaboran habitualmente con grupos como o Orfeón Terra a Nosa, a Capela da Catedral de Santiago, a Europachorakademie Stuttgart, o Coro Eborae Musica, o Coro Filgueira Valverde e a Capela Compostelá, entre outros.

13 de agosto de 2014 | 12:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.