publicidade hoxe

O alcalde de Ortigueira convida a vivir a pé de rúa a histórica saída de etapa da Volta na localidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOrtigueira
A-
A+
Presentación da saída de etapa dende Ortigueira

Presentación da saída de etapa dende Ortigueira

O alcalde de Ortigueira, Rafael Girón; o presidente de Deputación da Coruña, Diego Calvo, e o director xeral de Unipublic, Javier Guillén, presentaron este mediodía no Teatro de Beneficencia a 17ª etapa da Volta Ciclista a España, que partirá de Ortigueira o próximo 10 de setembro, un día histórico para a localidade, en palabras do rexedor. O acto serviu ademais para oficializar a presenza de Alberto Contador na rolda española.

En apenas un mes, a Vila estrearase como anfitrioa da Volta 2014. Será o día 10 de setembro cando o pelotón parta, a iso das 12:45 horas, desde a contorna do Porto deportivo con destino á cidade da Coruña. “Será un momento histórico, e seguramente, irrepetible”, froito da excelente colaboración entre Deputación, Unipublic e Concello, subliñou o rexedor ortegano.

No entanto, desde a tarde do 9 de setembro, veciños e visitantes da localidade serán testemuñas de excepción do impresionante despregamento técnico e humano que é preciso mobilizar para que este espectáculo deportivo de relevancia mundial, chegue a bo porto.

No acto, no que Javier Guillén confirmou que Alberto Contador disputará a carreira, unha vez recuperado da súa lesión no Tour Francia, non faltaron representantes de entidades deportivas locais e, por suposto, un bo número de veciños, que recibiron con entusiasmo a noticia.

Girón destacou a importancia que ten para Ortigueira ser sede de etapa, “unha oportunidade magnífica, mírese como se mire”. Para empezar, mostrouse convencido de que a carreira será todo un revulsivo para o ciclismo no municipio, que ten, como apuntou o rexedor, entre os seus conveciños ao ex ciclista profesional Jesús Cobelo. “Nada mellor para crear afección que vivir a emoción da Volta”, sostivo o alcalde.

Ademais, claro esta, a rolda transcende o puramente deportivo. Neste sentido, lembrou que a proba se retransmite en nada menos que 178 países, de aí a súa transcendencia desde o punto de vista turístico e económico. “Medio mundo vai poder descubrir a través da televisión o paraíso natural que é Ortigueira. Será a mellor promoción imaxinable”, remachou o rexedor, quen tamén se referiu ao impacto directo que o despregamento asociado á carreira terá en sectores como o hostaleiro.

Finalmente, Rafael Girón asegurou que o concello se envorcará ao máximo para que a etapa sexa un éxito e convidou os orteganos a “vivir na rúa a emoción da Volta. e converter esa histórica saída nun momento para o recordo”.

14 de agosto de 2014 | 19:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.