publicidade hoxe

‘Nimbos de luz’ continúa a súa andaina en Modoñedo para difundir a figura e a obra de Díaz Castro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMondoñedo
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria leva a Mondoñedo, durante todo o mes de agosto, a mostra itinerante ‘Nimbos de luz’, coa que a Xunta de Galicia difunde a vida e a obra de Xosé María Díaz Castro, autor homenaxeado coas Letras Galegas 2014. A traxectoria vital e profesional do poeta e tradutor de Guitiriz centran a exposición, que foi inaugurada esta mañá no Real Seminario Santa Catalina polos secretarios xerais de Cultura, Anxo Lorenzo, e de Política Lingüística, Valentín García.

A mostra, comisariada por Alfonso Blanco Torrado, por Luís González Tosar e por Armando Requeixo, que tamén participaron no acto de inauguración en Mondoñedo, permítelle ao público achegarse á figura de Xosé María Díaz Castro por medio de 14 paneis temáticos que fan un percorrido pola vida e pola obra do poeta. O proxecto expositivo compleméntase coa proxección do documental ‘O instante eterno’, de Xosé Antón Cascudo, que afonda na figura do escritor de Guitiriz co obxectivo de dar a coñecer a súa traxectoria vital e literaria, e compleméntase con folletos ilustrativos nos que se reflicte o contido da mostra.

Percorrido por toda Galicia

Logo do seu paso por Guitiriz, Vigo, Pontevedra, Santiago de Compostela, A Estrada, Redondela e Vilagarcía de Arousa, a mostra pódese visitar ata final do mes de agosto na aula Losada Quiroga do Real Seminario de Mondoñedo.

No seu percorrido polas catro provincias galegas ao longo deste ano, que comezou en Guitiriz, terra natal do poeta, o pasado 19 de febreiro, coincidindo co centenario do seu nacemento, a exposición chegará en setembro á Coruña, con parada na Biblioteca Miguel González Garcés, do 2 ao 16; e a Lugo, onde se poderá ver na biblioteca nodal do 18 ao 30. Xa en outubro, a mostra poderase ver en Ourense na Casa da Xuventude, do 2 ao 16, e en novembro, na Casa da Cultura da Rúa, do 18 ao 3. A mostra rematará a súa andaina no derradeiro mes do ano no concello ourensán de Celanova, do 16 ao 30 de decembro, logo de facer parada no concello coruñés de Cee do 1 ao 14.

Con motivo da celebración das Letras Galegas 2014, a Xunta de Galicia promoveu un completo programa de actividades para contribuír a dar a coñecer entre a cidadanía a figura e a obra de Díaz Castro, así como para poñer en valor o seu legado literario. A exposición ‘Nimbos de luz’ é unha das iniciativas centrais desta programación, no que tamén se inclúen distintas edicións conmemorativas, estudos críticos, traducións e versións bilingües ao éuscaro, inglés e ruso, materiais audiovisuais, unha web monográfica, así como actividades de dinamización lingüística nos centros educativos e de promoción e difusión da obra de Díaz Castro nas bibliotecas de Galicia.

4 de agosto de 2014 | 12:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.